Como prepararnos para sermos expertos en Impresión 3D, ao detalle nun obradoiro en Barro

mércores, 11 de decembro do 2019 Redacción

A Deputación de Pontevedra segue a dar conta das actividades de formación TIC que prepara a rede SmartPEME neste remate de ano. Se os días pasados informamos da trintena de obradoiros que se están a desenvolver nas sedes de Vigo, Ponteareas, Porriño, Cambados, Pontevedra e Lalín, hoxe é a quenda de lembrar que a sede de Barro tamén segue adiante co seu labor de adestramento e capacitación tecnolóxica de profesionais, autónomos e PEME. En termos concretos, acollerá o curso Iniciación á Impresión 3D, que se celebra este xoves 12 de decembro de 17 a 21 horas.
A Deputación de Pontevedra lembra que alén do dito obradoiro, as persoas interesadas poden completar o seu coñecemento sobre as novas tecnoloxías de impresión co curso Coñece as Tendencias en Economía Dixital: Impresión 3D e Robótica, que terá lugar en dúas quendas: o martes 17 de decembro, de 19 a 21 horas, no Multicentro do Concello do Porriño; e o xoves 19 de decembro, de 19 a 21 horas, no Viveiro de Empresas de Lalín.
O obradoiro Iniciación á Impresión 3D impartirase no Viveiro de Empresas do Polígono de Barro. As inscricións para tomar parte nas accións formativas pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, por correo electrónico ou vía web.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE