Comezan os traballos para deseñar o plan director do sector galego das TIC

mércores, 6 de marzo do 2024 S. P.

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, participou na mañá deste 6 de marzo nunha reunión co Clúster TIC Galicia que supón o punto de partida para a elaboración do plan director da industria das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. rátase dun dos sectores declarados estratéxicos pola Xunta de Galicia xunto coa industria metalmecánica, a automoción, a construción naval, o sector forestal-madeira, e a loxística industrial.
Coa sesión deste mércores comezou, polo tanto, o procedemento de elaboración e aprobación do plan director, no que, como primeiro fito, levarase a cabo unha consulta pública a través do portal de transparencia e goberno aberto para solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas.
Ademais, na elaboración do plan participarán as consellerías con competencias nesta materia, así como o sector privado, representantes dos traballadores e resto de axentes implicados, como é o caso do Clúster TIC Galicia. Antes da súa aprobación por parte do Consello da Xunta de Galicia será necesario o informe do Consello Galego de Economía e Competitividade.
“Preténdese contar cun instrumento consensuado e que dea unha resposta real ás necesidades do sector da industria das TIC”, explicou o secretario xeral, engadindo que “o plan contará con medidas, mecanismos e medios necesarios para fortalecer o sector, mellorar a competitividade, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, incrementar o emprego industrial e estimular a captación de investimento”.
Os plans directores, xunto co plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais son instrumentos da planificación da política industrial da Xunta enmarcados nunha estratexia que ten como obxectivo facilitar o proceso de adaptación e transformación enerxética e dixital da industria galega.

PUBLICIDADE