Comezan os bloqueos activos aos Huawei Mate 30

mércores, 2 de outubro do 2019 Marcus Fernández

A grande dúbida sobre a viabilidade comercial dos novos Huawei Mate 30 en Europa depende claramente da facilidade de instalarlle os servizos e aplicacións de Google, e aínda que na meirande parte de móbiles de fabricantes chineses é posible instalar os servizos de Google con métodos que até o momento funcionaban nos dispositivos de Huawei, semella que iso non vai ser así a longo prazo, e o bloqueo imposto por EE.UU. obriga a Google a non permanecer pasivo ante as posibles instalacións dos seus servizos en dispositivos de Huawei, ou iso entendemos despois de que a aplicación LZPlay, que instalaba os servizos e a tenda de aplicacións de Google dun xeito moi doado nos móbiles de Huawei, deixou de funcionar, dende SafetyNet pasan a considerar que os dispositivos que empregaran tal truco non son seguros e incluso o sistema de pagamentos móbiles Google Pay rexeitaría as operacións dende os Mate 30 (pese a funcionar con normalidade hai uns días).
No caso de LZPlay desvelárase que tal aplicación empregaba una API sen documentar de Huawei que aproveitaba unha funcionalidade para a xestión de frotas de móbiles para instalar os servizos de Google, ou sexa, que Huawei tiña unha especie de porta traseira que facilitaba a instalación dos servizos de Google pese a carecer de permiso para facer tal, e tras coñecerse este detalle foi inevitable que numerosas compañías movesen ficha para bloquear o acceso aos seus servizos por parte dos Huawei Mate 30, de xeito que agora incluso hai xogos que non funcionan nestes novos smartphones, confirmando os peores presaxios. En vista deste panorama non sorprendería que os Huawei Mate 30 non chegasen a comercializarse oficialmente en Europa, xa que practicamente ningún consumidor aceptaría un smartphone con Android no que non poidan instalarse as aplicacións máis empregadas.

PUBLICIDADE