Comeza esta semana a xuntanza #NeThinking na Illa de San Simón

martes, 29 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Como comunicar ben cando hai sobrecarga de información? Este é un dos grandes paradoxos dos nosos días, o de ter entre mans unha Sociedade do Coñecemento que, de non manexala con tino, pode provocar ignorancia a mans cheas. No caso da profesión de xornalista, os riscos son claros: pásase de ter catro ou cinco fontes fiables a contar cun número infinito delas, a meirande parte dubidosas. Asemade, espállase o uso do “curta e pega”, un dos grandes males da comunicación actual. Poderiamos seguir, pero este fin acáelle mellor ao encontro #NeThinking, unha xuntanza da que xa falamos en Código Cero hai uns cantos e días e que se celebrar na Illa de San Simón, na Ría de Vigo, ao longo desta semana: dende o mércores 30 ao xoves 31.
O evento contará cun número importante de especialistas en redes sociais e na Sociedade da Información, sendo o seu obxectivo principal afondar nas oportunidades e nos atrancos da revolución dos medios que estamos a vivir coa chegada das redes sociais e outros servizos semellantes.
Xa nun eido máis concreto, a xuntanza (integrada no programa Illa do Pensamento), contará co presenza de comunicadores de primeira liña como Mario Tascón, que foi un dos responsables principais do éxito de elmundo.es, Eva Hache, presentadora de TV, ou Nacho Vigalondo, director de cinema. Pola banda galega, acudirá (entre outros) Javier Pedreira, Wicho (responsable do blog Microsiervos). Tamén fará acto de presenza o líder de Siniestro Total, Julián Hernández; ou Valentín Alejandro, profesor da Área de Comercialización e Investigación de Mercados da Universidade da Coruña.

PUBLICIDADE