Comeza en Santiago o congreso sobre edición e cultura na era dixital

xoves, 3 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

Santiago acolle dende hoxe e até o domingo 6 de abril un evento encamiñado a afondar nas opcións de permanencia da cultura e da súa industria na era das redes sociais e a revolución da información. O congreso Editando para minorías na era dixital centrarase, máis polo miúdo, en estudar os camiños e feituras futuras que adoptará o libro en calquera das súas manifestacións, un produto que loita por atopar o seu camiño nunha era global onde a marxe para as tendencias e as demandas dos mercados miúdos corre risco de estreitarse. A cita contará coa conferencia inaugural do ex ministro de Educación Ángel Gabilondo e a participación da directora da Biblioteca Nacional, Ana Santos, e o escritor Juan Bonilla, entre outros.
Segundo informan os organizadores, o congreso é “unha oportunidade para debater sobre a situación do libro e da edición en tempos de recambio tecnolóxico e de agromar propostas que redescobren o valor dos produtos artísticos de autor, únicos ou concibidos para esixentes minorías que foxen do estereotipado e comercial”. Desenvolvido polo proxecto internacional campUSCulturae, diríxese sobre todo a dar acubillo baixo un mesmo teito, compartindo experiencias e visións, a editores, bibliófilos, xestores culturais, escritores, ilustradores, expertos en novas tecnoloxías e deseñadores, entre outros profesionais.
O programa, segundo informa a Universidade de Santiago, inclúe conferencias de escritores e editores, mesas redondas e obradoiros de encadernación e ilustración, entre outras actividades. A primeira xornada comezou coa conferencia inaugural a cargo do catedrático de Metafísica da Universidade Autónoma de Madrid, ex reitor desta universidade, ex presidente da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas e ex ministro de Educación, Ángel Gabilondo Pujol.
A continuación foi a quenda da subdirectora xeral de Bibliotecas da Xunta de Galicia, Cristina Rubal González, coa conferencia titulada O libro en Galicia, adaptación ás novas realidades. O congreso continúa pola tarde coa celebración dun obradoiro, que comezará ás 16.00 horas, sobre encadernación da man de Mª Carmen Villalba Caramés, premio nacional de encadernación. A xornada remata coa mesa redonda Sendo fieis a unha forma de editar na que participarán varios directores de editoriais de Barcelona, Valencia, Madrid e Galicia. Paralelamente ao congreso o Colexio de Fonseca acolle a exposición Imprimatur que se inaugurará este xoves ás 20.30 horas e á que tamén están invitados os participantes no congreso.
CampUSCulturae promove este encontro como un foro de encontro entre editores, novos creadores, coleccionistas, bibliotecarios e apaixonados do libro en xeral. O congreso tamén pretende presentar ideas e propostas sobre os temas a debate a partir das comunicacións de congresistas seleccionadas para a súa presentación pública e propón xogar coas artes tradicionais da encadernación, da impresión e da ilustración sen esquecer as posibilidades das novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE