Cilenis, semifinalista do Building Global Innovator co proxecto Avalingua

martes, 23 de xullo do 2013 Redacción

JPEG - 120 KB
Isaac González, CEO de Cilenis

O Building Global Innovator é unha competición internacional de emprendemento con base tecnolóxica, patrocinada polo Programa MIT Portugal, ISCTE-IUL (Instituto Universitário de Lisboa) e coa colaboración do MIT (Massachusets Institute of Technology) e a Caixa Capital. O obxectivo desta convocatoria é asesorar e incentivar proxectos con alto potencial tecnolóxico e de innovación. Até Lisboa irá a USC -co equipo da spin-off Cilenis Language Technology- pois esta vén de ser seleccionada como semifinalista, na área de Tecnoloxías da Información e Internet, nesta 4ª edición do Building Global Innovator co proxecto Avalingua, un avaliador automático de textos escritos.
E en que consiste o proxecto Avalingua? Trátase dun software que avalía de xeito automático o nivel de lingua escrita en catro idiomas: español, inglés, português e galego. Partindo dun texto (ou un conxunto dos mesmos), Avalingua analiza, detecta e clasifica os erros cometidos en ortográficos, léxicos ou gramaticais. Logo emite un informe de visualización rápida e engade estatísticas e gráficos do nivel de corrección. Cómpre dicir que esta ferramenta está deseñada para un uso individual (favorecendo a autoaprendizaxe) e tamén para un uso colectivo, concibida neste último caso como instrumento para a aula ou como método de avaliación nas escolas, institutos ou outras institucións de ensino.
Por último, engadir que a empresa de spin-off (filial informática) da USC Cilenis Language Technology dispón dun equipo promotor de formación pluridisciplinar en informática e lingüística vinculada á liña de investigación ProlNat@GE (Procesamento da Linguaxe Natural) que coordina Pablo Gamallo (CITIUS). Na actualidade, Celenis atópase en proceso de incubación no Edificio Emprendia da USC e traballa en solucións e produtos relacionados coa enxeñaría lingüística e o procesamento da linguaxe natural.

PUBLICIDADE