China marca distancias no cumio do ranking en número de internautas

xoves, 10 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Dicir que China é un país con moitos internautas non é dicir moito. Pero si que ten o seu aquel dicir que é o que máis internautas ten no mundo, porque nos dá unha idea do que está medrar tecnoloxicamente o xigante asiático, tanto neste eido como no económico e cultural. De feito, ter moita poboación non quere dicir que teñamos moitos usuarios das novas tecnoloxías. Proba disto é o que acontece nos países nórdicos, que até hai pouco tiñan máis usuarios das TIC que outros Estados con moito máis volume de poboación. Leas aparte, a verdade é que todo isto non é nada novo. China é o país con máis xente redeira dende hai tres anos, a novidade reside en que cada vez lle saca máis cabezas aos seus perseguidores.
Segundo se fai saber nas nas últimas estatísticas feitas ao respecto, o país daría acubillo en 2010 a máis de 450 millóns de internautas. Asemade, en só tres anos, pasou de ter 200 millóns a ter a devandita cifra actual, deixando fóra, con diferenza, a EE UU, que tiña a honra de ocupar o primeiro posto até 2007.
Sobre estes e outros logros ofrece estes días unha exhaustiva reportaxe o blog da CMT, onde se fai fincapé (entre outras cousas) no número de chinesas e chineses que no ano que vimos de deixar atrás descubriron as marabillas da Sociedade da Información: 73 millóns. Cómpre pensar que as cifras, astronómicas, están en proporción co volume de poboación do país: 1.300 millóns e subindo. Quere isto dicir que se tocou teito? En absoluto. As cifras deixan ver un panorama de medre tecnolóxico e dixital constante, con millóns e máis millóns de persoas estreándose cada ano perante o computador, entre outras cousas porque a taxa de exclusión dixital aínda é moi alta no país, malia as aparencias, e a metade dos cidadáns aínda non emprega as redes. Estas e outras cifras proceden do Centro de Redes de Información Chino (CNNIC), que salienta outros detalles a ter en conta:
- A penetración da banda larga é do 98%
- Hai máis de 300 millóns de usuarios de Internet móbil
- As compras en liña acadaron un medre anual de 48,6%

PUBLICIDADE