Chega unha nova edición dos campamentos tecnolóxicos de La Molinera

mércores, 29 de maio do 2019 Redacción

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Promoción Económica no Centro de Innovación e Coñecemento La Molinera, organiza unha nova edición dos Campamentos Tecnolóxicos de Verán La Molinera Kids 2019, unha aposta municipal pola educación non formal e, tamén, por introducir dunha forma lúdica e eficaz á rapazada nas prometedoras vertentes da investigación tecnolóxica e científica.
Estas actividades están destinadas a mozos e mozas entre 8 e 16 anos co obxectivo de que empreguen o seu tempo de lecer no verán participando nas actividades de carácter lúdico, cultural, tecnolóxico e formativo, “que sirvan non só para divertirse, senón tamén para o enriquecemento persoal e vital”, informa o Concello.
Ofértanse 150 prazas para todos os obradoiros, 30 por cada campamento.
• Campamento I, Audiovisuais. Do 24 ao 28 de xuño. De 9:30h a 14:00 horas. Creación de stop-motion; creación dunha curtametraxe de animación 3D; eSports.
• Campamento II, Realidade Virtual. Do 1 ao 5 de xullo. De 9:30 a 14:00 horas. Creación do seu propio mundo virtual; creación de animacións 360º; eSports.
• Campamento III, Arquitectura 3D. Do 8 ao 12 de xullo. De 9:30 a 14:00 horas. Creación dunha vivenda en 3D; eSports.
• Campamento IV, Drons. Do 15 ao 19 de xullo. De 9:30 a 14:00 horas. Pilotaxe dun dron; simulador de drons; eSports.
• Campamento V, Vídeoxogos. Do 22 ao 26 de xullo. De 9:30 a 14:00 horas. Creación do seu propio videoxogo; creación da súa peza en impresión 3D; eSports.
Poderán solicitar praza rapazas e rapaces nacidos entre os anos 2003 e 2011, ambos incluídos. As peticións deberán presentarse online a través do formulario do espazo web de La Molinera. O prazo será dende o luns, 27 de maio, até o mércores, 5 de xuño, ás 24:00h. As prazas asignaranse por sorteo público, e as persoas admitidas publicaranse na páxina web de La Molinera e no taboleiro da mesma.

PUBLICIDADE