Castrosúa anuncia un investimento de máis de un millón de euros en I+D ao longo de 2014

xoves, 6 de febreiro do 2014 Fernando Sarasketa

O grupo galego Castrosúa anunciou hoxe que investirá máis de un millón de euros a longo de 2014 en materia de “modernización e renovación de equipos e en melloras de produtividade”, algunhas delas moi relacionadas coas aplicación de novas tecnoloxías no eido da seguridade na condución e na busca de solucións intelixentes para o transporte. Estas novidades foron dadas a coñecer por Juan Luis Castro Rodríguez, presidente da compañía, como lembraremos centrada na fabricación de carrozarías de autobuses e autocares. Segundo engadiu, a empresa agarda facturar en 2014 máis de 40 millóns de euros e fabricar máis de 300 vehículos.
Na súa intervención ante os medios, o presidente da compañía amosou as liñas de acción do seu plan estratéxico de cara a 2017: internacionalización e fomento da I+D. Nun plano máis concreto, Castro lembrou que hai poucos meses Castrosúa gañou un concurso para o subministración de 10 autobuses híbridos e 83 carrozarías urbanas de 12 metros de lonxitude, que se distribuirán por diferentes cidades de Lituania. O presidente do grupo tamén fixo saber que se vai intensificar a súa colaboración con centros tecnolóxicos como o CTAG, co que Castrosúa está a traballar no desenvolvemento dun posto de condución avanzada e máis nun sistema de visión perimetral de vehículos. Segundo engadiu Castro Rodríguez, “esta aposta polo desenvolvemento tecnolóxico ten un claro obxectivo: aplicar a I+D a produtos concretos que poidan comercializarse no mercado e situarse á vangarda no desenvolvemento de solucións innovadoras para o sector”.
Lembrar tamén que Castrosúa participa en proxectos como A2VISES (Aplicacións de análise avanzada de vídeo para unha Smart City eficiente e segura), cuxo obxectivo é o deseño e desenvolvemento dunha plataforma avanzada de aplicacións de análises de vídeo e da seguinte xeración de sistemas de xestión e gravación de vídeo orientado a sistemas IP de vídeo vixilancia e control de accesos, para a súa integración nunha cidade intelixente. O consorcio, liderado por TRedess (do grupo Televés) está formado por Castrosúa, Quobis Networks, Idom, Castrosúa e Sixtema. Ademais, participan arreo os centros galegos de investigación Gradiant, CTAG e CITIC.

PUBLICIDADE