Carmela Silva lembra en Madrid a necesidade de garantir o acceso pleno ás TIC dende o rural

xoves, 31 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou onte na cuarta edición do Congreso Cidades Intelixentes que se celebra até hoxe en Madrid, da man da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital. Máis polo miúdo, a titular do Goberno pontevedrés interveu (sendo a única presidenta dunha deputación que participou) na mesa redonda O Plan nacional de territorios intelixentes: unha oportunidade para o entorno rural. Silva avogou na sesión por acelerar os procesos de dixitalización e acompañar este labor de medidas que garantan o acceso pleno ás novas tecnoloxías dende o rural, en igualdade de condicións e de oportunidades. Este compromiso coas áreas non urbanas, ademais, será un xeito de loitar contra a despoboamento.
A presidenta defendeu que “debe ser unha obriga para as administracións que a poboación rural teña os mesmos dereitos e servizos que aquelas persoas que viven nos núcleos urbanos e que esta igualdade ten que vir do acceso as novas tecnoloxías que evitarán o despoboamento das zonas de interior do país”.
Silva tamén advertiu da necesidade de fornecer de recursos económicos os traballos de dixitalización e transformación tecnolóxica que atinxen ás entidades públicas e, por suposto, á cidadanía. Neste senso, lembrou que a súa chegada á Deputación de Pontevedra, “só cinco concellos tiñan implantada a Administración Electrónica” e que a institución provincial “fixo un inxente esforzo para que na actualidade, tres anos despois, os 61 concellos da provincia contan con este servizo”. Isto, sinalou, complementouse con labores acordes de capacitación: “Formamos a 2.324 funcionarios municipais para que puideran adaptarse as esixencias da lei de Administración Electrónica e neste intre somos a única provincia galega que conta en todos os seus concellos con este servizo”.
Carmela Silva tamén debullou os proxectos de servizos para dotar de sistemas intelixentes os concellos da provincia, como a aplicación para a obtención do padrón que xa ten 19 municipios adheridos e que facilitan aos funcionarios da administración local e aos veciños e veciñas a consulta e a obtención dos seus datos. Tamén informou do servizo de impresión dixital centralizado que pon a disposición dos concellos da provincia como un sistema de aforro e optimización de servizos.
Xunto á presidenta da Deputación, participaron na mesa redonda Eduardo Gutiérrez, responsábel da oficina de Seguimento do Plan Nacional de Cidades Intelixentes da SESIAD; Juan Manuel Fernández Ortega, director xeral da Administración Local da Xunta de Andalucía; Joaquín Palacín, director xeral de Ordenación do Territorio do Goberno de Aragón e Isabel Bombal, vogal asesora da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal.

PUBLICIDADE