Cara B: nova web galega para levar á Rede o espírito dos fanzines

xoves, 25 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

Se cadra, ningún tempo foi mellor ca este para levar á Rede o espírito e o modelo do fanzine, publicación sobre temáticas variadas (banda deseñada, música, etc) que apoia unha boa parte da súa forza no factor “colectividade arredor dun interese común”. A fin de contas, que é a Internet de hoxe, a que máis nos interesa, se non un conxunto innumerable de fanzines sobre as máis diversas cuestións humanas? Precisamente dende a nosa terra chega estes días un novo exemplo deste lado da Rede que nos representa, a web CaraB, achegando elementos xa vistos e outros cen por cen inéditos. Entre estes últimos figura o interese de trasladar ao eido dixital, punto por punto, o espírito que vén alentando aos fanzines dende que estes existen. A iniciativa, que por desgraza non está en galego (aínda que agardamos a que os seus creadores caian na conta da importancia deste punto), foi posta en marcha por mocidade da Coruña e Vigo.
A páxina, que tamén xorde co obxectivo de achegar a cultura underground ao conxunto da sociedade, inclúe seccións de cultura, videoxogos, música, cinema e banda deseñada. Entre os colaboradores atópanse novos representantes galegos dos eidos do deseño, o debuxo, o cómic, a literatura, a poesía, o xornalismo, a comunicación en xeral. Entre os nomes propios que se adhiren ao proxecto figuran a blogueira Iria Suárez, o debuxante David Amoedo, o escritor Darío Vilas Couselo, a filóloga Valentina Vannimartini, a editoria independente Cristina Pérez-Salgado Fraga, o creador audiovisual Javi Camino e máis a tenda viguesa Banda Deseñada Cómics, con sede no barrio do Calvario. Cara B, amais de contar cunha web propia de seu, achega perfís en Facebook e Twitter.

PUBLICIDADE