Canon anuncia a primeira PowerShot con gravación de vídeo en 4K

martes, 31 de xullo do 2018 Marcus Fernández

As cámaras dixitais compactas son un produto cada vez menos frecuente, xa que foi desprazado polas cámaras dos smartphones, pero continúa a haber un público que busca sacar fotografías cando vai de viaxe ou gravar vídeos cunha calidade superior á dun teléfono e sen prescindir da posibilidade de publicar as imaxes nas redes sociais, de aí que o 10 de agosto vaia chegar ás tendas a nova cámara Canon PowerShot SX740 HS a un prezo de 409,99 euros (en cor negra ou prata).
Esta nova cámara compacta, cunhas medidas de 110,1 x 63,8 x 39,9 milímetros e 299 gramos de peso, chegará cun sensor CMOS de 20,3 Mpíxeles, un zoom óptico de 40x (equivalente a un obxectivo de 24-960 milímetros) e, por primeira vez na familia PowerShot, a posibilidade de gravar vídeo en 4K.
A Canon PowerShot SX740 HS ten un procesador de imaxe DIGIC 8, estabilización de imaxe, transferencia de imaxes automática, flash retráctil, pantalla LCD traseira capaz de rotar 180 graos (polo que incluso serviría para realizar selfies), pode disparar 7,4 imaxes por segundo e, para facilitar a súa comunicación co noso smartphone, conta con Wi-Fi e Bluetooth.

A nova cámara compacta de Canon está pensada para usuarios viaxeiros que queren gozar dun bo zoom óptico, así como fotografías e vídeo cun mínimo de calidade, sen ter que cargar cunha réflex
O tamaño compacto da nova cámara de Canon facilita o seu transporte

PUBLICIDADE