Cae a empresa que facía seguimento en Estados Unidos dos usuarios de P2P

luns, 5 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

O ano 2009, sempre e cando non se dea un xiro brusco dos acontecementos dixitais, ben podería ser o ano da caída paulatina pero definitiva de todos aqueles atrancos postos polas grandes industrias do eido discográfico e os representantes dos seus intereses para evitar o libre intercambio dos seus produtos na Rede. Segundo conta estes días Enrique Dans no seu blog, 2009 tamén arranca con potencial para pasar á historia como o ano en que se deixou de criminalizar o uso das redes abertas de intercambio de información, as redes P2P. Os augurios son variados e veñen de diversas frontes. Por unha banda temos un novo chanzo no soado caso da internauta Jammie Thomas (caso do que falamos hoxe nesta mesma web), que vén de ser exculpada dos cargos que se lle imputaban por ter intercambiado 24 cancións a través da Internet. Pola outra, cómpre lembrar o recente movemento no dixital da Recording Industry Association of America (RIAA), entidade equivalente á SGAE en Estados Unidos, que anunciou o cese da súa colaboración con MediaSentry, a firma da que facía uso para levar a cabo tarefas de seguimento na Rede con vistas a localizar supostas infraccións dos dereitos de autor dos artistas que o ente representa.
A dita empresa, que segundo se conta chegou incluso a espiar aos usuarios da Internet e a distribuír códigos maliciosos nas redes P2P (eMule ou BitTorrent), estivo ao servizo da RIAA dende 2003, recompilando probas para inculpar e denunciar a máis de 35.000 internautas, que, malia considerarse a si mesmos inocentes, víanse na obriga de renunciar a defenderse con tal de non asumir os inasumibles custes do proceso, feito ao que se engadía o pago de multas que xiraban arredor dos 3.000 dólares de media. Segundo conta Dans, os tempos de espionaxe e violación dos dereitos mínimos de privacidade para os internautas ben poderían estar chegando á súa fin, e a caída en desgraza de MediaSentry respondería en boa medida a este cambio de rumbo dos acontecementos, un cambio de rumbo moito máis beneficioso para os usuarios de a pé.

PUBLICIDADE