Avansig e CITIC desenvolven un innovador dron autónomo para a vixilancia de interiores

luns, 16 de novembro do 2015 Redacción

Avansig e o Centro de Investigación TIC da Coruña (CITIC) veñen de achegarnos detalles sobre os froitos dun moi interesante proxecto tecnolóxico de colaboración desenvolvido entre a tres bandas entre a empresa, o devandito centro da Universidade da Coruña e máis Prosegur. Trátase dun proxecto para dar forma “ao primeiro dron autónomo de vixilancia interior desenvolvido na Coruña”. A iniciativa, materializada na cidade herculina de maneira íntegra, abrangue tecnoloxía propia e un software deseñado en exclusividade. O dron, explica o CITIC, “é un produto pioneiro en España que en breve vaise comercializar no resto de Europa, América e Asia”. Como lembraremos, a iniciativa foi recoñecida recentemente co Premio á Innovación Clúster TIC Galicia 2015. Recolleron o galardón os responsábeis de Avansig.
O aparello, un vehículo non tripulado, funciona guiado por un algoritmo de posicionamento cuxo miolo baséase en sensores de altura e nun escáner láser que presenta “unha marxe de erro máximo de tan só dous centímetros”, explica o centro tecnolóxico, que engade que o dron conta tamén con cámaras de gravación tradicional, por unha banda, e térmicas ou infravermellas, pola outra, “capaces de detectar corpos en función da súa temperatura que, doutra forma, serían invisíbeis para o ollo humano”. En palabras do CITIC, trátase “dun complemento perfecto para mellorar as capacidades humanas de vixilancia”.
Polo que respecta a Avansig, a empresa engadiu con motivo da concesión do dito premio do Clúster que o proxecto DroneService é “un sistema de seguridade baseado en drons con capacidade para realizar roldas de vixilancia no interior dos edificios de xeito totalmente autónomo”. Trátase, engadiron os responsábeis da empresa, dunha evolución natural dos servizos tradicionais de domótica e videovixilancia, “nos que se empregan circuítos de vídeo para facer seguimento de fogares ou establecementos”. No que se distingue este desenvolvemento con respecto do xa feito é, por exemplo, nas súas miúdas dimensións e na súa capacidade para navegar de maneira autónoma en espazos interiores. “O proxecto”, explicou Avansig, “permite introducir na industria da seguridade unha solución baseada en tecnoloxía punta que vai posibilitar fornecer servizos de seguimento innovadores, flexíbeis e dinámicos”.

PUBLICIDADE