CCSS da Comunicación impulsa unha web para promover a creatividade do alumnado

martes, 10 de outubro do 2017 Redacción

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Campus de Pontevedra) vén de impulsar unha web para dar acubillo e visibilidade aos traballos do alumnado e dos estudantes que xa remataron os seus estudos: proxectos audiovisuais, fotográficos ou de gráfica publicitaria. O resultado, polo de agora, é unha xanela múltiple a máis dun cento de contribucións, cada unha delas (grazas á esta nova web) coas súas oportunidades de promoción perante o sector empresarial. A Canteira, así se fai chamar o sitio en liña, foi impulsado polos egresados Iago Souto (que se encargou do fornecemento de contidos) e David Cegarra (que se encargou da parte técnica), no marco do traballo de fin de grao do primeiro.
Segundo fixeron saber na súa presentación “A Canteira é unha web que pretende ser un portfolio para dar visibilidade aos alumnos das distintas titulacións e que ao mesmo tempo quere servir como ferramenta de promoción para a facultade e para que as empresas poidan buscar aquí novos talentos”. A iniciativa, que reúne tanto traballos realizados para diferentes materias como proxectos desenvolvidos fóra das aulas polos estudantes, contou co apoio do Consello Social da Universidade, que fixo posible a incorporación de Segarra ao proxecto, e do Campus CREA S2i.
En total, reuníronse para o seu lanzamento 109 traballos, divididos nas categorías audiovisual, bandas sonoras, fotografía, gráfica, multimedia e premiados, aos que irán sumándose agora os diferentes contidos que incorpore o propio alumnado. “A idea”, sinalaron, “é que a páxina web poida seguir funcionando de forma automática, cunha pequena supervisión, e que os novos usuarios poidan xerar contidos subindo os seus traballos e facendo crecer á páxina”. Tamén explicaron que se trata dun sitio en liña escalábel, ou sexa, con capacidade para evolucionar, adaptarse e medrar.

PUBLICIDADE