Blusens está a vender smartphones con pantallas de 4,7 e 5 polgadas

martes, 15 de xullo do 2014 Marcus Fernández

JPEG - 111.5 KB
O Blusens Smart Fit, cunha pantalla de 4,7 polgadas, consegue situarse como un terminal que equibra bastante ben as súas prestacións co seu prezo

A compañía compostelá Blusens non é allea ás últimas tendencias en telefonía móbil, con terminais de xeneroso tamaño e tras o lanzamento dos seus smartphones con pantallas de 4 e 4,3 polgadas está a procurar agora achegarse ao público con modelos máis atractivos e potentes, con pantallas de 4,7 e 5 polgadas.
O Blusens Smart Fit é un smartphone con pantalla IPS de 4,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno ampliado mediante unha tarxeta microSD de 16 Gb, conectividade 3G, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, soporte de dobre SIM, cámaras de 13 e 2 Mpíxeles, batería de 1.800 mAh, un grosor de só 7,5 milímetros e un peso de 100 gramos que está á venda por 179 euros incluíndo funda protectora, protector de pantalla, cargador de corrente, cable USB e auriculares. Este smartphone funciona con Android 4.3.
E para usuarios que aínda precisen dun móbil de maior tamaño, por 248,99 euros achega o Blusens Smart Pro, cunha pantalla IPS de 5 polgadas e unha resolución de 1.280 x 768 píxeles, que mellora ao seu irmán en prestacións xerais, por funcionar con Android 4.4.2, contar cun procesador de 8 núcleos, integrar 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD (inclúe unha de 8 Gb) e contar cunha batería de 2.100 mAh.

JPEG - 133.6 KB
O Blusens Smart Pro opta por unha pantalla de 5 polgadas e un procesador de 8 núcleos

PUBLICIDADE