Bionix achega as etiquetas intelixentes ás PEME

martes, 24 de setembro do 2019 Redacción

Até o de agora a tecnoloxía de localización por radiofrecuencia (RFID) relacionouse con grandes proxectos só ao alcance das multinacionais da industria, a loxística ou a distribución, pero Bionix Supplychain Technologies, startup galega fundada en 2017, quere achegar esta tecnoloxía ás PEME, para as que deseña e desenvolve proxectos á medida das súas necesidades. Aseguran que a partires dun investimento moi contido é posible acceder ás vantaxes que brindan as etiquetas intelixentes.
Bionix ofrece solucións Item Intelligence, ou de etiquetas intelixentes, que permiten aos negocios ter unha visibilidade e control total sobre o seu inventario, a cadea de subministración ou o fluxo de operacións, cunha trazabilidade completa de cada un das unidades producidas ou distribuídas.
Isto tradúcese en importantes incrementos de eficiencia e reducións de custos. No caso da distribución pode tamén contribuír a mellorar a experiencia de compra dos clientes.
«A xente tende a identificar RFID con grandes investimentos. Nós logramos que isto xa non teña que ser así. Deseñamos e implementamos proxectos que poden estar ao alcance dunha simple tenda, pero tamén traballamos en proxectos máis grandes. Ter desenvolvemento e medios de fabricación propia permítenos esa flexibilidade», explica Jacobo Penide, CEO de Bionix, quen asegura que o investimento, que pode ir dos 1.500 aos 150.000 euros, pode estar amortizado nun ano.
O primeiro laboratorio de certificación de etiquetas RFID de España Os sectores de distribución, industrial e saúde son os principais focos de interese de Bionix, que xa culminou a primeira fase do desenvolvemento da súa plataforma tecnolóxica, que presentará proximamente en feiras en Alemaña e Estados Unidos. Conta xa con proxectos implantados en empresas galegas do sector da distribución de moda, e na súa sede da Coruña está a poñer en marcha o que será o primeiro laboratorio de certificación de etiquetas RFID de España.
Bionix colabora moi activamente con GRADIANT Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia para o desenvolvemento da súa tecnoloxía, e deseña e manufactura todos os equipos necesarios para implementar unha solución RFID completa. Ademais, desenvolveu a súa propia plataforma cloud e unha aplicación móbil para Android e iOS que permite unha xestión áxil e eficiente dos inventarios.

PUBLICIDADE