Balidea, recoñecida como provedora do sector público danés

luns, 27 de maio do 2019 Redacción

A empresa galega Balidea, unha das novas firmas tecnolóxicas con maior presenza internacional, vén de dar un novo paso no seu proceso de afianzamento no mundo, xa de por si consolidado. Este novo paso ten como escenario Dinamarca, que vén de converter a empresa tecnolóxica con sede principal en Santiago en provedora homologada de solucións e proxectos TIC do sector público do país nórdico.
Esta novidade sitúa a Balidea na listaxe de empresas que cumpren cos requirimentos precisos elaborada por SKI, a entidade mediadora para os procesos de contratación pública en Dinamarca. A distinción-recoñecemento serviralle para consolidar a súa imaxe ante os seus clientes habituais e abrir a posibilidade de concorrer a un maior número de licitacións públicas.
En palabras da empresa, “a homologación supón un gran logro e unha interesante oportunidade para Balidea, nun país no que cada ano o sector público gasta aproximadamente 40 mil millóns de euros en bens e servizos proporcionados por empresas privadas”.
A firma galega tamén lembra que a súa andaina en Dinamarca comezou en 2012 e desde entón desenvolveu máis dunha trintena de proxectos neste país, moitos deles en colaboración con compañías como Kruso, ScanEnergi ou Ennova. Amais, conta coa confianza de entidades como a Axencia Danesa da Enerxía e o Concello de Copenhague.

PUBLICIDADE