Autoxuga contribúe á recuperación dos negocios na desescalada coa súa tenda online gratuíta

venres, 5 de xuño do 2020 S. P.

A empresa rianxeira Autoxuga, especializada en desenvolvemento de ferramentas informáticas avanzadas para o ámbito do automóbil, vén de achegar un importante gran de area para contribuír á recuperación económica das empresas locais e galegas, poñendo á súa disposición parte das súas innovacións. En concreto, Autoxuga ofrece aos negocios, nestes tempos complexos de reinicio da súa actividade, unha tenda online gratuíta onde poderán visualizar os seus produtos e darlles publicidade non só na súa área de influencia, senón tamén noutros mercados potenciais, coa posibilidade que de conseguir máis clientes e máis repercusión.
“Nunha situación de emerxencia como a actual na que hai que reducir custos á vez que aumentar ingresos, nada mellor que dar publicidade ao noso negocio de forma gratuíta na tenda online de Autoxuga”, comenta Pablo Castro, co-propietario da empresa de Taragoña (Rianxo), explicando que neste marketplace calquera produto e calquera servizo poderá ter cabida, coa vantaxe engadida da gran cantidade de visitas diarias que recibe a web corporativa oficial de Autoxuga e, tamén, a propia tenda dixital, á que acceden milleiros de persoas.
Os únicos requirimentos que se establecen para tirar partido destes servizos da empresa rianxeira son os seguintes: darnos de alta como vendedores, subir as imaxes do noso negocio e achegar datos dos dez produtos que queiramos promover. A partir de aí, comezará a visibilidade de balde en Internet.

PUBLICIDADE