Aumenta nun 32 % o número de empresas que solicitan as axudas TIC de Innovación

martes, 4 de marzo do 2008 Raquel Noya

Segundo datos provisionais da última convocatoria de subvencións aos investimentos das empresas en materia da Sociedade da Información para este ano 2008, a Consellaría de Innovación e Industria recibiu máis de 880 solicitudes que ascenden a máis de 5 millóns de euros e que supón un 66,6 por cento máis de orzamentos ca no exercicio anterior.
Segundo vén de informar a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellaría (que tramita estas subvencións), “esa cifra supón un medre do 32 por cento respecto do número de solicitudes recibidas o pasado ano” e engade que “o importe dos proxectos presentados ascende a máis de 29 millóns de euros”, o que é un considerable incremento respecto ao ano anterior, no que o importe dos proxectos presentados ascendía a 24 millóns.
A orde de axudas contempla 4 tipos de actuacións, dúas dedicadas ás empresas en xeral e outras dúas ás empresas do sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC).
Por investimento solicitado, destaca o apoio ao desenvolvemento de aplicacións informáticas nas empresas en xeral, cun total de 358 empresas que solicitaron máis de 4,6 millóns de axuda pública por este concepto. A isto séguelle a liña de apoio á mellora da infraestrutura interna das empresas, con 359 solicitudes, o apoio ao desenvolvemento de aplicacións baseadas en código aberto e xeración de novos produtos e servizos TIC con 133 solicitudes e por último, para facilitar a presenza dos profesionais en foros especializados de comercialización, formación tecnolóxica e a asistencia a cursos de formación específica rexistráronse 38 solicitudes, cun importe de preto de 600.000 euros.
Tanto os criterios que rexen as axudas como os obxectivos das mesmas responden ao especificado no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), o documento que guía a política de novas tecnoloxías da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE