Atlas Galego en liña e da man de Innovación e o CRTVG

venres, 5 de setembro do 2008 Raquel Noya

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, mailo director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), Benigno Sánchez, veñen de asinar un convenio de colaboración mediante o cal se porá en marcha unha base de datos en liña de topónimos internacionais en galego para a consulta de calquera usuario.
O proxecto, que se enmarca dentro da iniciativa CeS-LA2 do PEGSI, de creación de contidos galegos para a Rede, consiste en reunir nunha mesma base de datos, o nome de tódolos países con cadansúas capitais, a principais cidades, provincias e rexións do mundo e os principais accidentes xeográficos, constituíndo o que se coñecerá como Atlas Galego en liña.
Para esta iniciativa, o departamento de Fernando Blanco, vai destinar un presuposto de 60.000 euros que permitirán, entre outras cousas, establecer criterios xerais de adaptación ao galego de topónimos estranxeiros e nomes de lugares que empregan alfabetos distintos ao noso, así como regras de lectura para a súa pronunciación.

PUBLICIDADE