AtlantTIC quere que a industria tire proveito das tecnoloxías acústicas

xoves, 3 de maio do 2018 Redacción

O Centro AtlantTIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo) vai organizar no mes de xuño uns encontros destinados a mostrar as posibilidades da enxeñaría acústica como “ferramenta de análise e mellora en distintos ámbitos da industria do automóbil, a aeronáutica e a enerxía”. As I Xornadas en Acústica Avanzada para Aplicacións Industriais desenvolveranse do 19 ao 20 xuño na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O obxectivo é atraer persoas con diversos intereses e iniciativas que porán a Vigo na órbita dos últimos avances desta industria.
Á fronte da organización está o profesor do Grupo de Tecnoloxías Multimedia Manuel Sobreira, quen explica que, coa organización destas xornadas, a Universidade “quere mirar cara a industria para tentar solucionar problemas coas últimas tecnoloxías e a industria debe buscar na Universidade o talento e ideas que completen as súas necesidades e melloren os seus procesos e produtos”. Segundo fai saber Sobreira, a idea que subxace baixo estes encontros é a de visualizar pontes de colaboración co tecido produtivo: “Estamos nun punto de inflexión no que a industria pode beneficiarse da aplicación das novas técnicas como son a holografía acústica, o beam forming, os sensores vectoriais acústicos e a intelixencia artificial”, subliña, engadindo que a aplicación destas ferramentas de acústica avanzada “pode ser de grande interese, tanto para a avaliación da calidade do produto como para a detección de problemas durante o proceso de produción en diversos sectores (naval, automóbil, aeronáutico, enerxético, etc.)”.
Nas xornadas abordaranse as principais tecnoloxías acústicas de aplicación no ámbito industrial relacionadas con tres eixes fundamentais: holografía acústica, sensores vectoriais e intelixencia artificial acústica. A holografía acústica e beamforming son tecnoloxías asociadas á visualización de campus acústicos, empregando a sinal captada por un elevado número de micrófonos, enfocadas sobre todo ao diagnóstico de fontes acústicas complexas. Trátase, en xeral, de localizar onde se xera unha vibración ou a emisión dun ruído non desexado.
No caso dos sensores vectoriais acústicos, abre o vieiro para que, mediante un único sensor, poidamos localizar de onde procede unha onda sonora, é dicir, localizar a fonte que provocou un evento acústico. “Este tipo de técnicas de detección e localización de sinais impulsivas empréganse, por exemplo, para localizar cazadores furtivos”, explica Sobreira.
Polo que atinxe á intelixencia artificial en acústica, o uso dos sensores axeitados de maneira conxuntan con técnicas de recoñecemento de patróns e redes neuronais profundas, permite non só localizar un evento acústico, senón ademais detectar de que tipo de evento se trata. “A detección automática de eventos domésticos pode aplicarse á xeración de alertas (caídas domésticas, detección de billas abertas, goteos) ou como apoio doméstico a persoas con dificultades auditivas (detección do pranto dun bebé, do son dun timbre, etc.)”, salienta Sobreira.

PUBLICIDADE