Até 26 mozas e mozos da área de Carballo formáronse en comercio electrónico

mércores, 2 de xuño do 2021 S. P.

A Cámara de Comercio da Coruña formou a 26 mozos e mozas da contorna de Carballo como persoal de tenda e comercio electrónico. O director xeral da entidade, Manuel Galdo, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, asistiron á entrega de diplomas no Viveiro de Empresas do Polígono de Carballo.
Na actividade, incluída no programa PICE, participaron 26 persoas de varios concellos da área de Carballo, que, ademais de prepararse para poder traballar no sector do comercio, tamén se formaron para abordar a partir de agora a busca activa de emprego.
O director xeral da Cámara de Comercio animou á mocidade a “saír a comer o mundo” sen medo a fracasar. Manuel Galdo avogou pola formación como o sistema máis eficaz para combater o desemprego, e nese sentido puxo os servizos da Cámara de Comercio a disposición dos mozos e mozas, tanto para formarse coma para informarse sobre as axudas ás que poden optar eles ou as empresas que os contraten.
Tamén animou aos mozos e mozas da área a participar na IX Feira de Emprego que a entidade cameral organizará o vindeiro 17 de xuño en formato virtual, “coa esperanza de que no ano 2022 poida volver a ser presencial e en Carballo”.
Xosé Regueira, pola súa banda, agradeceu o labor social que desenvolve a Cámara de Comercio, e destacou “o potencial que un curso destas características pode ter en Carballo, onde o comercio é un importante motor económico”. O concelleiro de Promoción Económica e tamén vicepresidente da Deputación aludiu ao relevo xeracional que se está a producir no comercio e aos novos retos do sector, que, asegurou, “tamén abren un tempo de oportunidades. Por iso é preciso formarse e actualizarse”.

PUBLICIDADE