As vantaxes de traballarmos en clave 2.0, ao detalle en Compostweets o 22 de marzo

luns, 4 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

Organizado pola empresa Ludica7, o vindeiro día 22 de marzo, a partir das 16:30 horas, celébrase en Santiago un evento que colle ben de preto a todos aqueles profesionais galegos que arestora estean a pisar un terreo até hai poucos anos inexplorado: o terreo das redes e servizos 2.0 e as súas múltiples potencialidades para calquera das moitas facetas dunha empresa (creala, traballar nela, promover produtos, comunicarse con clientes ou socios, traballar con eles, facer marca, etc). Estamos a falar da terceira edición de Compostweets 2013, III Encontro Anual de Social Media en Galicia, que vén da man da firma compostelá Lúdica 7 (especializada en accións formativas sobre servizos sociais ou na achega de recursos para a publicación dixital do xeito máis cómodo e eficaz posíbel) e que se celebra nun dos grandes centros de operacións TIC da nosa terra: o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia.
O encontro desenvolverase con feitura de xornada de divulgación e traballo en común, dirixida sobre todo aos profesionais da web 2.0, tentando, entre outros aspectos, fomentar o networking entre todos eles.
En palabras dos responsábeis de Lúdica 7, os obxectivos de Compostweets pasan por crear, manter no tempo e ampliar un punto profesional de encontro arredor do fenómeno das redes sociais e semellantes. Asemade, preténdese establecer ligazóns duradeiras con outras accións profesionais semellantes que se levan a cabo na xeografía estatal. “Queremos vincular a tódolos profesionais da Web 2.0, facendo, na medida do posible, networking”, comentan dende a empresa compostelá.
Lembrar que a vindeira edición de Compostweets dará comezo o día 22 a partir das 16.30 horas, cun relatorio a cargo de Rodolfo Carpintier, considerado un dos pais da Internet en España (formou parte de Servicom, o primeiro ISP que chegou aos 50.000 clientes de pagamento, pasando tamén pola vicepresidencia da incubadora de negocios Netjuice que contribuíu a proxectos como Kelkoo e Baquía) e actualmente é presidente de DAD e contribúe en proxectos como Petuky e myBet SE.
Completarán a xornada casos de éxito e un espazo chamado Business Web, no que se permitirá a participación de 3 propostas de negocio na Web tras inscribirse na páxina web de Compostweets.
Como en anteriores ocasións é de agardar que Compostweets poida servir como un evento formativo, que este ano será de acceso libre ata completar aforo, e como punto de encontro para profesionais e entusiastas das redes sociais en Galicia.

PUBLICIDADE