As tabletas con Android contarán cun modo para facilitar o consumo de contidos

mércores, 5 de maio do 2021 Marcus Fernández

Tras varios anos deixando as tabletas de lado, dende Google lembraron que estes dispositivos con Android continúan a ter unha grande presenza no mercado para usos máis básicos dos pretendidos inicialmente, ou sexa, empregándose basicamente para o consumo de contidos, e para satisfacer a este tipo de usuarios presentan agora o Entertainment Space, un modo de funcionamento que pode lembrarnos a Google TV, xa que presenta unha pantalla de inicio personalizada na que podemos atopar de xeito doado as nosas películas, os programas de televisión, os vídeos, os xogos e os libros, evitando ter que andar a saltar entre aplicacións para atopar o que queremos ver, xogar ou ler.
Este modo de funcionamento tamén traballará en conxunción con aplicacións que ofrezan contidos mediante subscrición, de xeito que cando introducimos o noso nome de usuario e contrasinal os contidos dispoñibles poderán presentarse en portada. Amais, a funcionalidade é compatible cos perfís persoais, de xeito que cada usuario dunha mesma tableta pode ter o seu espazo de lecer de seu.
O Entertainment Space presenta as películas, as series de televisión e os vídeos de YouTube baixo a pestana de Ver, na que esperan que tamén poidan agruparse recomendacións de servizos como Twitch; na pestana de Xogos teremos os videoxogos de Android, entre os que non faltarán recomendacións de novos títulos, que nalgúns casos incluso será posible probalos sen ter que descargalos (valéndonos da función de instant play); e finalmente a pestana de Ler serve de acubillo para os libros e audiolibros que teñamos adquiridos a través de Google Play Books.
Este mes o Entertainment Space estrearase en tabletas dispoñibles na cadea estadounidense de tendas Walmart, pretendendo chegar máis adiante a tabletas de marcas como Lenovo e Sharp, dando a impresión de que co tempo rematará converténdose nunha funcionalidade básica de Android en tabletas.

PUBLICIDADE