As operadoras manteñen os seus plans de despregamento de fibra óptica en Ribeira

luns, 9 de novembro do 2020 S. P.

O Concello de Ribeira anunciou este luns 9 novidades relativas á presenza de tecnoloxía de fibra óptica no termo municipal, que, segundo indicou o Goberno local, seguirá incrementando a súa presenza. O balance fíxose trala xuntanza telemática da concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro Rego, cos principais operadores de telecomunicacións con frontes abertas na nosa terra, co fin de escoitar os seus respectivos plans de espallamento de FTTH (Fiber To The Home) e banda larga para o concello.
Durante o encontro, convocado polo Concello, Ana Barreiro veu confirmada que se manteñen para o 2021 estes plans de expansión (despregados polas compañías Telefónica, Vodafone, Orange e R) de tal xeito que “a meirande parte da poboación que habita na cidade e nas diferentes parroquias do noso termo municipal poida acceder a este servizo”, co-financiado por diversas liñas de axuda impulsadas pola Xunta e o Estado.
Unha das cuestións nas que se puxo o foco dende o Concello no transcurso da reunión foi a necesidade de que o novo polígono industrial que se vai crear na contorna de Fontenla / Pedras Vermellas dispoña de conectividade de banda larga ultrarrápida para afianzar a competitividade das empresas que alí se instalen.

PUBLICIDADE