As novas tecnoloxías ao servizo da sustentabilidade tomarán a palabra no Terra Creative Jam

xoves, 19 de novembro do 2020 S. P.

A incubadora Lug Open Factory impulsa este mes de novembro unha experiencia de traballo colectivo para atopar novas respostas tecnolóxico-sustentábeis e científicas aos grandes retos actuais do eido medioambiental. A cita, un evento “para a xeración de ideas”, será os días 25 e 26 de novembro na Facultade de Administración e Dirección de Empresas. O Terra Creative Jam inclúe obradoiros e actividades nas que os estudantes e titulados universitarios deberán achegar propostas para afrontar con éxito os novos desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos.
A temática deste evento creativo de xeración de ideas xira arredor do futuro sustentábel. Así, o programa permitirá ao público participante achegar posíbeis solucións e desenvolver novos produtos e servizos ligados coa economía verde, produción eficiente; educación inclusiva e de igualdade; emprendemento dixital e uso das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no rural; industrias creativas e sector audiovisual; alimentación e vida saudábel, e mesmo á busca do benestar animal e á mellora do medio ambiente.
As e os estudantes e titulados da USC interesados en participar neste foro creativo poden formalizar a súa inscrición de balde, xa de forma individual xa en equipo, ata o 24 de novembro na web deste evento, na que tamén poderán atopar ampla información sobre o desenvolvemento dun programa co que tamén colaboran a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) e a Área de Orientación Laboral e Emprego da USC no Campus de Lugo, no marco do proxecto AYCH Interreg Atlantic Area.
As e os participantes no Terra Creative Jam, que estará limitado a un máximo de 30 persoas por mor da situación sociosanitaria provocada pola pandemia, poderán gozar dunha primeira xornada de ideación, con xogos de creación de ideas e proxectos sustentábeis, formación con workshops específicos e prototipaxe con máquinas 3D, gamificación, Realidade Virtual e podcast. A segunda xornada consistirá nun hackaton ou experiencia colectiva cara a unha meta en común, na que os equipos traballarán no seu prototipo para crear a súa solución sustentábel e expoñela ao xurado.
O equipo gañador contará cunha praza para desenvolver a súa idea no Programa Explorer e no programa de incubación Atlantic Youth Creative Hubs (AYCH), no marco do que todos os compoñentes do grupo gozarán da oportunidade de completar unha residencia ou desenvolver unha estadía en prácticas no estranxeiro. Ademais cada un dos membros do equipo gañador, recibirá unha cámara GoPro como agasallo.

PUBLICIDADE