As mulleres galegas dedicadas á I+D+i seguen en desvantaxe fronte aos homes

venres, 27 de agosto do 2010 Raquel Noya

Segundo un recente estudo realizado pola área de Igualdade da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia para analizar a situación das mulleres galegas no sistema Ciencia-Tecnoloxía-Empresa do noso país, a situación está bastante alexada do que a todos nos gustaría posto que “as mulleres que se dedican á investigación, ao desenvolvemento tecnolóxico e á innovación (I+D+i) en Galicia non están en igualdade de condicións cos seus colegas homes, aínda que moitas non perciben as importantes desigualdades existentes”.
Para o estudo foi necesario compilar información procedente de 164 grupos de investigación ou equipos de I+D+i nos que se fixeron un total de 618 entrevistas, 298 a mulleres e 320 a homes.
O estudo, realizado no marco do Programa Galego de Muller e Ciencia 2008-2010, ten por obxectivo xeral coñecer, desde a perspectiva de xénero, a situación das mulleres que actualmente se dedican á I+D+i na nosa Comunidade Autónoma.
A principal conclusión á que chegaron os investigadores foi que “no eido do I+D+i en Galicia existen importantes desigualdades entre homes e mulleres”. Segundo afirman, “os homes sitúanse nos postos máis relevantes, teñen mellores salarios, non se lles esixe un nivel de formación tan alto para acceder aos postos de maior responsabilidade, e desenvolven o seu traballo nas áreas con maior importancia económica e máis valoradas socialmente”. “Sen embargo, estas desigualdades non son percibidas polas persoas que traballan neste sector”, engaden.
Por parte das protagonistas do estudo, as profesionais da rama da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, estas móstranse “moi satisfeitas co traballo que desempeñan. Puntúan o grao de satisfacción co traballo realizado cun notable alto. Coinciden en destacar como aspectos positivos a creatividade, o dinamismo, a posibilidade de facer o que realmente lles gusta, relacionarse con outras persoas e desenvolver un traballo en equipo. Como aspectos menos atractivos apuntan que é un sector que esixe unha enorme dedicación, en horas e en anos, e que se da unha gran competitividade, característica que é percibida como especialmente negativa”.
De entrada, conclúe o estudo, “son moi poucas as persoas que identifican neste ámbito desigualdades de xénero ou discriminacións, pero os valores, costumes e demais elementos socioculturais dunha sociedade aínda moi machista impregnan o sector científico-tecnolóxico, que non queda á marxe”.
A través do presente estudo conclúese a existencia das dúas formas de discriminación máis habituais; por un lado, a discriminación horizontal, pola que as mulleres quedan “relegadas” a determinadas disciplinas e a certos traballos que poden considerarse unha extensión académica e profesional do rol de coidado tradicionalmente asignado e asumido polas mulleres. Isto tradúcese en que determinadas carreiras estean máis feminizadas que outras e que a certos traballos (os feminizados), se lles dea menor valor que a outros.
Por último, o estudo indica asemade que a área das tecnoloxías da información e as telecomunicacións son as que contan con maior número de persoas empregadas, aínda que só o 4 por cento do total son mulleres. Séguenlle en número de persoas ocupadas as áreas de biomedicina e ciencias da saúde, as tecnoloxías de deseño e produción industrial e o medio mariño, sendo estas, a excepción das tecnoloxías de deseño e produción industrial, aquelas cun maior peso relativo de mulleres.

PUBLICIDADE