As historias de Instagram incorporan un adhesivo de preguntas

luns, 2 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Semella que non imos ter semana sen novidades en Instagram, especialmente nas súas historias, que estes días están a incorporar un novo adhesivo un tanto rechamante, que consisten en preguntas de resposta libre, de xeito que poden lanzarse cuestións para que os seareiros respondan, nun recadro en branco, podendo replicarse a combinación de pregunta e resposta como elemento gráfico para unha posterior historia, o que durante os últimos días bastantes usuarios empregaron como unha ferramenta de retroalimentación, ou sexa, para recibir preguntas que contestar en público dun xeito orixinal e creativo.
Temos así unha nova característica de Instagram que son os propios usuarios os que van buscándolle o xeito e, de feito, aínda é unha prestación en probas que non está dispoñible de xeito global. A funcionalidade nova que si está anunciada oficialmente é a de Estás ao día, que é unha mensaxe que aparece entre as publicacións de Instagram tras ver todas as dos últimos 2 días, para que os usuarios sexamos máis conscientes de se deixamos ou non pasar algunha publicación importante. Esta novidade está presente dende hoxe en iOS e Android, e en boa medida serve para que os usuarios entendamos mellor como se organizan as publicacións que nos amosa Instagram (que dende que non están ordenadas cronoloxicamente resultan un tanto confusas e perderon bastante pulo, facendo que as historias cada día teñan máis importancia).
Outra novidade relativa a Instagram, que tamén estarían presente en Facebook, é que está a probarse a posibilidade de activar un modo de Non molestar, de xeito que o usuario pode definir períodos de 30 minutos, 1 hora, 2 horas, 8 horas, 1 día ou até que se desactive o modo manualmente para non recibir notificacións. Ao parecer, o código de ambas aplicacións agochaban esta funcionalidade dende hai tempo, e nos últimos días iniciáronse as súas probas, á vez que tamén confirmaron que Instagram está a preparar unha sección na que permitiranos coñecer o tempo que consumimos na aplicación, no que parece unha tendencia de boa parte do sector tecnolóxico nos EE.UU., xa que tanto Android como iOS están a preparar ferramentas nesta mesma dirección.

PUBLICIDADE