As familias pontevedresas xa poden tirar proveito da plataforma Trocalibros

xoves, 4 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

A cidadanía de Pontevedra que queira darlle unha nova vida aos libros escolares esquecidos nos andeis, ou tirar partido dos desbotados noutros fogares, pode facelo a través da plataforma Trocalibros.pontevedra.gal, que vén de ser activada coincidindo co remate do curso escolar e, polo tanto, co inicio dos trámites nas familias para o comezo do seguinte.
Neste senso, o Concello quere que a ferramenta tecnolóxica sexa un recurso de utilidade para favorecer o intercambio de manuais escolares con vistas ao vindeiro inicio das clases. “Con este programa damos resposta ás familias que se atopen nunha situación difícil”, comentou a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro.
Segundo fixo saber, o manexo é sinxelo: as familias deben facerse usuarios/as da plataforma e logo encher no sistema os libros que ofrecen e os libros que solicitan. Se eses libros foron ofrecidos por algunha familia o sistema lle facilita os datos de contacto.
A operatividade de Trocalibros.pontevedra.gal insírese no compromiso do Goberno local por promover espazos colaborativos e contribuír a xerar un modelo de desenvolvemento sustentábel dende a perspectiva económica, ecolóxica e social. “Este é o obxectivo deste proxecto de reutilización dos libros de texto, que ademais pretende dar resposta no ámbito educativo a familias pontevedresas que se atopan nunha situación difícil”, indicou a concelleira.

PUBLICIDADE