As empresas do foro compostelán de computación na nube amosan cómo aproveitar as redes na xestión empresarial

xoves, 20 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia está a acoller hoxe un encontro empresarial dirixido a pór de relevo os mellores métodos de facer rendible unha empresa pola vía da innovación. Falamos do Foro Galego de Cloud, unha xuntanza organizada por Ozona Consulting e encamiñada a empresas e profesionais da nosa terra preocupadas por un ir un paso adiante no mercado (cada vez máis competitivo e ligado ás novas ferramentas e comunicacións) e afianzar o camiño futuro das súas iniciativas, rendibilizando esforzos e aforrando custes. O encontro, que se desenvolve baixo o epígrafe VDI Cloud Hosting Virtualización, conta co apoio da asociación Ineo, a Secretaría Xeral de Modernización (tal e como sinalamos previamente nesta mesma web) e empresas como a galega R (que achegou a primeira hora da mañá a súa visión do aproveitamento das redes como motor de innovación e da xestión dos datos), Fujitsu (que presentou a iniciativa Zero Client e ofreceu o seu concepto de Internet ideal, que abranga a tódalas persoas e as sitúe como directores do seu desenvolvemento) e NetApp (informando dos seus sistemas de almacenamento eficaz para centros de datos de nova xeración).
A xuntanza, que xirou arredor das prácticas cloud de computación, que son a aplicación ao eido xestor dunha boa parte das vantaxes da Internet 2.0, tamén contou coa participación de Citrix, Microsoft e Vmware.
Máis en detalle, a achega de Citrix consistiu na presentación dos seus servizos en liña para empresas e clientes, incluíndo a tecnoloxía XenServer, plataforma de virtualización que subministra as vantaxes da migración e a xestión de multiservidores de xeito gratuíto. Entre outras cousas, Citrix ofreceu a súa visión idónea dun posto de traballo: un emprazamento sen nada instalado que permita entrar nun escritorio en remoto coma nunha máquina virtual ou acceder a un PC físico en remoto, entre outras cousas. Isto, sinalou José María Barral (Citrix) durante o foro, é posible a través da devandita tecnoloxía, que senta os alicerces dunha realidade futura que xa chegou: a de poder ter, nun click, acceso ao contorno de traballo de cada un de nós con independencia de onde esteamos. Para facérmonos unha idea disto, Barral recomendou o acceso a www.mycitrixcloud.net, unha páxina web feita por unha empresa usuaria dos seus produtos que permite probar tecnoloxía Citrix e ver de preto as súas vantaxes.
Polo Foro Galego de Cloud tamén pasou esta mañá David Salgado, membro do equipo de Microsoft, quen explicou os pasos a seguir para subirnos á nube, empresarialmente falando unha especie de estado de cousas ideal polo que ten de elevado (permite ver todo o mercado con máis perspectiva e meirande marxe de movementos) e móbil (a nube, dunha beira a outra, sería un posto de traballo máis a engadir ao tradicional). Ao seu xuízo, co cloud computing acontece xa algo semellante ao que ocorreu hai anos co correo electrónico (concepto no que se inspira): unha vez que se asenta a idea e se estende, espállase como algo natural para as empresas. No seu punto de vista, a clave do cloud, para entendelo, é a externalización dos pasos internos que por tradición dá unha firma calquera, proceso que atinxe tanto a plataformas como a produtos. Todo isto, dixo ao tempo que facía un percorrido pola traxectoria de Microsoft ao longo e ancho da nube (Xbox Live, Hotmail, BPOS, Windows Server 2008 ou a plataforma de virtualización HyperV), é un pouco como a Web 2.0: cómpre tomar conciencia dela.
O encontro celebrado en Santiago tamén contou coa presenza activa de Víctor Ramón, da compañía VMware, quen centrou o seu relatorio no concepto de inmediatez, clave ao seu xuízo para entender dúas cousas: o propio concepto de nube e a achega de servizos que a súa empresa pon arestora no mercado. O cloud computing, sinalou, é unha clara evolución da web máis inmediata, onde moitas das cousas que as empresas se vían obrigadas a facer poden desenvolverse agora coa axuda de outros, co conseguinte aforro de gastos e esforzos a despregar. A achega de VMware, aclarou, pasa por contribuír a unha xestión máis eficaz nas empresas, optimizar datos e afianzar a capacidade de evolución das mesmas. “A nosa mensaxe é de facer que os centros de datos camiñen cara a unha xestión coma un servizo”, engadiu. Dende o seu punto de vista, servizos como VMware VSphere, posto en marcha pola súa compañía para crear infraestruturas cloud, teñen moito que dicir neste proceso de virtualización ao servizo da xestión e o manexo da información.
O Foro Galego de Cloud, que vén concibido como un seminario en dúas sesións, terá continuidade esta tarde cos obradoiros e as sesións prácticas dirixidas polas empresas Fujitsu, NetApp, Citrix, Microsoft e VMware. As sesións do serán, que se realizarán no mesmo emprazamento (o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia en Santiago), darán comezo ás 15.30 horas e desenvolveranse até as 18.00 horas.
Un novo tipo de traballo empresarial
O obxectivo do Foro Galego de Cloud foi, como dixemos, dar a coñecer a importancia estratéxico dos modelos Cloud Computing no presente e no futuro e divulgar prácticas de virtualización para manter a continuidade e o medre dun negocio. Máis polo miúdo, estas prácticas de computación na nube constitúen por así dicilo a aplicación ao eido xestor dunha boa parte das vantaxes da Rede social, a chamada 2.0. Este tipo de computación incorpora o software como servizo, ao igual que a dita Internet 2.0, supoñendo a habilitación na Rede de todo o preciso para un uso empresarial, enténdase un uso baseado na confianza e na accesibilidade, situándose as aplicacións de negocio ás que podemos chegar dende un navegador entre as súas vantaxes máis populares.

PUBLICIDADE