As dúas ficcións gañadoras do certame Escoitamos teatro, dispoñibles en RadioGalegaPodcast.gal

xoves, 25 de agosto do 2022 Redacción

RadioGalegaPodcast.gal acaba de incluír no seu catálogo de podcasts as dúas ficcións gañadoras da primeira edición do certame Escoitamos teatro, promovido pola SGAE. Trátase das dramatizacións radiofónicas íntegras de textos de Esther Carrodeguas, Malcriada, e Raúl Dans, Historia dunha descoñecida. Para a realización dos podcasts, ambas obras contaron coa participación de importantes directores e intérpretes, así como unha luxosa produción sonora.
Coa adaptación e dirección de Esther Carrodeguas, a criada de Malcriada está interpretada pola actriz Belén Constenla. Malcriada pola sociedade, pola vida e polos homes e mulleres que se aproveitaron dela, é a historia dunha vida que, se cadra, non é só a súa, senón a de moitas persoas.
Pola súa parte, a dramatización da ficción de Raúl Dans realizouse baixo a dirección de Chema Gagino e contou no elenco con Chelo Díaz, Luís Iglesia e Maxo Barjas. Pola súa parte, Gerardo Amigo é o responsable da produción e ambientación sonora das dúas obras premiadas. Historia dunha descoñecida trata do que lle acontece a Adela, unha muller que leva aparentemente unha vida plena. De súpeto, unha descoñecida preséntase na súa casa da praia para contarlle o segredo sobre o que se fundamenta todo o seu mundo.
Escoitamos teatro é unha actividade da Fundación SGAE que, coa colaboración da Radio Galega, busca promover a creación teatral en galego. A emisora pública galega será entidade colaboradora na súa segunda edición, cuxo prazo de presentación de obras rematou a finais de xullo.

PUBLICIDADE