As diferentes vidas do Mosteiro de Celanova, reconstruídas no virtual

martes, 21 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

O pasado en ocasións é coma un gran crebacabezas pendente de resolución. Na nosa terra, a historia dos grandes monumentos arquitectónicos é nalgúns casos unha historia de liñas superpostas. É dicir: de cultos que eran substituídos por outros, de estilos que afastaban a outros previos do camiño. Un exemplo de escenario suxeito a este tipo de cambios é o do Mosteiro de Celanova, fundado por San Rosendo no século X e obxecto logo de diversas transformacións que acabaron por borrar definitivamente unha boa parte das pegadas orixinarias. Agora, con axuda das novas tecnoloxías vén de darse un paso no camiño da reconstrución desas pegadas, polo menos no plano virtual. Segundo informan A Voz e o Consello da Cultura Galega, este proceso de recuperación acode da man dun documental de animación dixital que amosa as diferentes fases do conxunto monástico dende o século X até os nosos días, visibles agora en tres dimensións.
O proxecto, ante todo de índole educativo, está financiado polo programa europeo Pagus e foi presentado este verán polo Concello de Celanova. Este documental inclúe un percorrido polas tres etapas principais de “vida” do mosteiro: a orixinal que vai do 936 ó século XII, a románica que abrangue até os séculos XV e XVI (e que inclúia un igrexa con torre ameada) e a do “esplendor”, que parte do século XVI e que culmina máis tarde cos traballos de Pedro de Monteagudo na bóveda e na cúpula do templo e nos de Juan de Badajoz e Plácido Iglesias no claustro procesional.

PUBLICIDADE