As charlas feministas da Deputación de Lugo convértense en Ciberfaladoiros

luns, 30 de novembro do 2020 S. P.

Os Faladoiros Feministas da Deputación de Lugo, convertidos en Ciberfaladoiros co obxectivo de asegurar meirande protección sanitaria ao tempo que se amplían as audiencias, proseguiron esta fin de semana cunha nova sesión retransmitida en streaming a través da canle de Nomenklaturas Gestión Cultural en Youtube e que contou coa presenza de Mabel Lozano presentado por vez primeira en Galicia o seu libro PornoXplotación.
A cita, na que as e os asistentes virtuais puideron participar a través de Whatsapp, veu da man da Deputación de Lugo e do Foro Feminista Maruxa Mallo. O obxectivo, unha vez máis, foi “concienciar sobre a estrutura social patriarcal, empoderar ás mulleres e loitar contra as violencias machistas”.
A sesión do sábado, realizada dende os Cines Códex, xirou arredor das investigacións desenvolvidas por Lozano para narrar a dramática realidade da pornografía nos nosos tempos, unha realidade que segundo apuntou a relatora, chega a todos os ámbitos das nosas vidas, “traspasando fronteiras”.
Mabel Lozano é modelo, actriz e presentadora. No 2007 comeza unha carreira como documentalista polos dereitos humanos, e escribe e dirixe a súa primeira longametraxe Voces Contra la trata de mujeres, onde denuncia a compra venda de mulleres e nenas con fins de explotación sexual.
Programación decembro
Os Faladoiros Feministas transformados en Ciberfaladoiros, adaptáronse á nova normalidade a través da Rede e abrindo a grandes audiencias este encontros de debate. A institución provincial colabora cunha achega de máis de 13.000 euros e tamén coa difusión a través de redes sociais e dos Servizos Audiovisuais provinciais.
Estas xornadas continuarán no mes de decembro. O día 4, ás 19:30h, será a quenda de Carmen Castro e o día 11, ás 19:30h, a de Sonia Ramos. A retransmisión será online a través da canle de YouTube de Nomenklaturas Gestión Cultural e a participación farase a través de Whatsapp no seguinte número de teléfono: 690.117.254.

PUBLICIDADE