As aplicacións actuais da IA centraron unha sesión de Xabier Martínez Rolán no CITIC

venres, 12 de xullo do 2024 S. P.

O CITIC da UDC celebrou este xoves 11 de xullo a última sesión do curso Introdución ao uso das IAs xerativas, impartido por Xabier Martínez Rolán, profesor de Comunicación Dixital na Universidade de Vigo. Ao longo de catro sesións, persoal de investigación do CITIC e da universidade puideron aprender sobre diferentes ferramentas baseadas en IA aplicadas á investigación.
O especialista explicou a historia da Intelixencia Artificial desde a súa aparición ata o momento actual. A partir do contexto inicial, ensinou como crear os prompts adecuados para chatbots, como ChatGPT, Gemini, Perplexity ou Microsoft Copilot. Os prompts, apuntou, son unha forma de comunicación cos sistemas de IA, a través dos que podemos especificar que resultados esperamos obter e que, co avance desta tecnoloxía, iranse perfeccionando ata que estas ferramentas teñan a capacidade de entender promts cada vez máis complexos e abstractos. O relator ofreceu algunhas instrucións para optimizar o seu uso: indicar ao chatbot que rol debe asumir, como, por exemplo, “es un experto en contabilidade”; definir con precisión o target ao que debe dirixir as súas respostas; e especificar polo miúdo os resultados esperados, como o ton de linguaxe que queremos que teña a resposta ou o formato de saída desta.
Segundo dixo, a IA xerativa pode utilizarse tamén para a creación de imaxes, vídeos, presentacións ou música. Neste sentido, os asistentes puxeron en práctica aplicacións de creación de imaxes, como Adobe Firefly, Leonardo AI ou Freepik; modelos de xeración de vídeo como Sora de OpenAI, HeyGen ou Luma AI; ou de xeración de audio, como ElevenLabs.