As Xornadas de Automática sitúan a Ferrol no epicentro da nova revolución industrial
xoves, 5 de setembro do 2019
Estes
días, até mañá, estanse a celebrar no Campus de Ferrol, na Escola
Universitaria Politécnica, a corenta edición das
Xornadas de Automática, uns encontros 4.0 de alcance estatal que
veñen da man do Comité Español de Automática e que xuntan na
cidade galega arredor de 250 profesionais da automática, dos ámbitos
da investigación, da docencia e da empresa. A cita foi inaugurada na
tardiña de onte polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o
deputado portavoz do Goberno da Deputación da Coruña, Bernardo
Fernández, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o reitor da UDC,
Julio Abalde.
Na
apertura oficial de actividades, o
titular da Xunta enxalzou as oportunidades empresariais, sociais e
científicas que se abren coa nova revolución industrial (a cuarta,
a chamada Revolución 4.0) e reiterou o compromiso do Goberno
galego neste eido, “un compromiso que se materializa nos 350
millóns de euros que se destinarán ao desenvolvemento da Axenda
Industria 4.0 para aumentar o tamaño das empresas, promover o
talento dixital e contribuír á reinvención e especialización do
tecido industrial galego”, fixo saber.
Pola
súa banda, Bernardo Fernández destacou a importancia do evento (as
Xornadas de Automática) para converter Ferrol nun referente nacional
como Campus Industrial, “un campus no que arredor de 3.000
alumnos fórmanse en 11 graos, entre eles o grao en Enxeñería
Electrónica Industrial e Automática, o único con competencias
profesionais en robótica en Galicia, 7 mestrados oficiais e 6
programas de doutoramento”. E engadiu: “Na Deputación somos moi
conscientes de que o Campus Industrial da UDC en Ferrol axuda a que o
sector produtivo desta comarca poida ser máis competitivo e
eficiente, contribuíndo á transferencia de coñecemento e de
innovación entre o mundo académico e o empresarial, un aspecto
clave no desenvolvemento de calquera país moderno”.
Bernardo
Fernández tamén expresou o seu desexo de que o congreso sirva como
“intercambio de aprendizaxes e experiencias sobre as últimas
novidades e avances dun sector en constante evolución e que implica
numerosas áreas de coñecemento”.
Actividades
até mañá
O
Campus de Ferrol acolle até mañá, 6 de setembro, as XL
Xornadas de Automática que organiza un comité de profesorado da
Escola Universitaria Politécnica presidido polo docente José Luis
Calvo Rolle. Este histórico encontro, promovido Comité Español de
Automática (asociación formada por expertos dos eidos da
automatización, o control de procesos e as novas tecnoloxías), ten
entre os seus obxectivos constituírse como unha ponte de
colaboración real entre o mundo da investigación, o da docencia, e
o das empresas.
En
termos concretos, os seus piares temáticos son a bioenxeñaría, a
educación en automática, a robótica, a visión por computador ou a
enxeñaría de control, todo complementado cun espazo empresarial
para que as firmas do sector luzan achados.
Segundo
lembra a organización, o programa inclúe unha competición CEABOT,
concurso de robots humanoides para alumnado de grao e posgrao das
universidades españolas. Así mesmo, tamén terá lugar o concurso
PRODEL de control intelixente.
As
xornadas contan coa presenza activa de máis de 250 expertos
procedentes de España, Portugal e o resto de Europa, amais de
Latinoamérica.