Arteixo Telecom duplicou en 2009 as horas de formación para os seus traballadores

luns, 14 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

Rafael Valcarce, presidente de Arteixo Telecom

Arteixo Telecom vén de dar coñecer os seus datos en materia de formación do persoal ao longo deste ano que remata. En total, sinala a empresa de telecomunicacións e servizos TIC situada nas Pontes, foron impartidas no seo da compañía 6.835 horas de formación e a totalidade do equipo laboral da firma participou en, polo menos, unha das accións programadas. Asemade, no ano 2009 duplicáronse as horas de formación con respecto ao exercicio anterior, pasándose de 3.000 a case 7.000 Para Arteixo Telecom, o balance desta estratexia de achegamento interno de coñecemento non pode ser máis positivo. Esforzos neste senso non faltaron, tanto humano como de investimento, sinala a compañía.
Polo que respecta ás temáticas das accións levadas a cabo, dicir que moitas delas centráronse en achegar coñecemento especializado para o posto de traballo, o que para a empresa galega non fai máis que afianzar e asegurar as posibilidades de medre no deseño e desenvolvemento de tecnoloxía propia.
Amais, estas actividades apuntalan as opcións de concorrencia da compañía en proxectos punteiros de investigación e deseño en Áreas como a xigaconectividade (transmisión de datos por banda ampla por medio de calquera tipo de cableado) e a nova xeración de telefonía móbil (4G), entre outras iniciativas.
O forte investimento de Arteixo Telecom na aprendizaxe continua dentro do seu persoal”, engaden fontes da empresa, “é tamén un elemento clave para apoiar a súa aposta pola internacionalización, que constitúe unha das súas prioridades”.
Polo que respecta á valoración dos propios traballadores, dicir que máis do 95% das persoas que participaron en accións de aprendizaxe cualificaron cunha nota alta ou moi alta elementos como a metodoloxía, o contido ou a utilidade práctica das sesións.

PUBLICIDADE