Arrinca a nova edición de Inspira STEAM A Coruña, co que colabora o CITIC

venres, 13 de xaneiro do 2023 S. P.

O CITIC (Centro de Investigación TIC) da Universidade da Coruña colabora cunha nova edición do programa Inspira STEAM, promovido pola Universidade de Deusto e coordinado na Coruña pola investigadora do CITIC Verónica Bolón. O programa ten a finalidade de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre estudantes, poñendo o foco nas nenas e con vistas a incrementar a súa futura presenza no ámbito da investigación.
A nova edición dará comezo o próximo 19 de xaneiro cunha xornada formativa en liña de cinco horas de duración destinadas a mentoras e mentores do ámbito académico, empresarial e da investigación. A formación será impartida por Ander Mimenza Aurrecoechea, formador e consultor especializado en desenvolvemento organizacional e de persoas. O CITIC explica que unha vez realizada a xornada formativa desenvolveranse seis sesións de traballo en centros educativos de ensino primario da provincia da Coruña cos obxectivos de “facilitar ao alumnado referentes de mulleres científicas e tecnólogas, dar a coñecer as profesións STEAM, sensibilizar e orientar sobre os estudos en ciencia e tecnoloxía, reivindicar as mulleres STEAM da historia, así como dar a coñecer os estereotipos existentes nestas áreas para que non condicionen as decisións de nenas e nenos”.
Esta edición do programa tamén contará coa colaboración da cátedra NTT Data e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).

PUBLICIDADE