Arredor de 250 expertos en Industria 4.0 participarán en Ferrol nas Xornadas de Automática

martes, 27 de agosto do 2019 Redacción

O Campus de Ferrol acollerá entre os días 4 e 6 de setembro as XL Xornadas de Automática que organiza un comité de profesorado da Escola Universitaria Politécnica presidido polo docente José Luis Calvo Rolle. Este histórico encontro, promovido Comité Español de Automática (asociación formada por expertos dos eidos da automatización, o control de procesos e as novas tecnoloxías), ten entre os seus obxectivos constituírse como unha ponte de colaboración real entre o mundo da investigación, o da docencia, e o das empresas. En termos concretos, os seus piares temáticos son a bioenxeñaría, a educación en automática, a robótica, a visión por computador ou a enxeñaría de control, todo complementado cun espazo empresarial para que as firmas do sector luzan achados.
Segundo lembra a organización, o programa inclúe unha competición CEABOT, concurso de robots humanoides para alumnado de grao e posgrao das universidades españolas. Así mesmo, tamén terá lugar o concurso PRODEL de control intelixente.
A inauguración das XL Xornadas de Automática será o día 4, ás 16:30h. no salón de actos da Escola Universitaria Politécnica. Despois do acto inaugural, celebrarase a primeira das conferencias plenarias a cargo do catedrático da USC Ángel Carracedo. As outras intervencións plenarias serán impartidas no transcurso das Xornadas polo profesor Paulo Leitao, do Politytechnic Institute of Bragança; e Amparo Alonso e Richard Duro, da Universidade da Coruña.
Estímase que as xornadas conten coa presenza activa de máis de 250 expertos procedentes de España, Portugal e o resto de Europa, amais de Latinoamérica.

PUBLICIDADE