Arantia lanza máis datos sobre a súa plataforma: sería a entrada á era dixital que procurabamos

mércores, 27 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

Segundo nos apunta nunha entrevista Jacobo Penide (na imaxe), director xeral de Arantia, se tivésemos que definir cun adxectivo o servizo Arantia World (do que falamos polo miúdo a semana pasada) non andariamos desencamiñados no caso de elixir o seguinte termo: simple. De feito, esta plataforma encamíñase a dous obxectivos principais e complementarios. Primeiro: integrar a Rede e a televisión dixital para crear nos fogares un centro de lecer multimedia (converxencia). Segundo: facelo sinxelo.
Só así, engade Penide, unificando e simplificando, pode chegar a era dixital a calquera cidadán e abrindo, a maiores, un amplo panorama de posibilidades de entretemento, acceso á información e mellora na calidade de vida. Neste sento en concreto, Penide é ben claro: Arantia World mesmo pode axudar ás persoas maiores a estar máis en contacto co mundo e a ter mellores servizos de atención.
Máis polo miúdo, sinalar que esta plataforma cen por cen galega converte a nosa casa nun espazo do lecer onde todos os dispositivos están conectados e, tamén, nunha potente rede de redes, sendo preciso só contar con dous requisitos: un aparello de televisión e unha conexión a Internet.
-Cara a que tipo de público se dirixe Arantia World? Supoñemos que unha persoa do rural que non teña un bo acceso a Internet non poderá gozar do servizo? Pero se ten un bo acceso (tipo Wimax, por exemplo, que se está a espallar pola nosa xeografía) si?
-A plataforma Arantia World foi deseñada impoñendo como requisito imprescindible a simplicidade. Isto implica que as aplicacións e servizos dispoñibles son facilmente empregables por calquera tipo de persoa, con independencia da súa idade, incluíndo mozos e mozas e persoas maiores, para os que cales (estes últimos) ábrese ademais todo un abano de posibilidades de servizos que permitan mellorar a calidade de vida no fogar.
Para o acceso ó sistema é preciso un televisor e unha conexión á Rede. É posible que existan determinadas zonas con amplitude de banda máis limitada, pero neste caso as aplicacións e servizos poderán adaptarse en función da capacidade de conexión.
No caso de Galicia, debemos salientar de maneira especial os esforzos públicos e privados por levar a banda ampla a todo o rural, de aí que esteamos convencidos de que esta solución será potencialmente aplicable a todos os fogares nu curto prazo.
-Cara a onde pretende chegar Arantia con este servizo xeograficamente falando? Alén do mercado galego e español?
-Arantia nace con vocación internacional, levando a tecnoloxía desenvolvida en Galicia alén das nosas fronteiras, sendo proba disto a posta en marcha de proxectos de gran importancia en Portugal, Francia, Italia, Reino Unido e o Oriente Medio. Neste senso, a estratexia de lanzamento para este produto arrancará no mercado nacional, para rapidamente espallalo ós mercados internacionais.
-Na presentación falaches de que Arantia World converte o fogar nunha “potente rede de redes”. A que vos referides con isto? Significa que teremos unha Internet no fogar?
-Este é un concepto absolutamente innovador desta plataforma a nivel mundial e que marca a diferenza. O Home Digital Center fai realidade o concepto Any Wire, calquera rede de casa, incluíndo o fío da antena, a rede eléctrica ou a liña telefónica, serve para intercomunicar os dispositivos domésticos, o PC coa televisión ou con calquera outro elemento da casa. O fogar pasa deste xeito a dispor dunha potente “rede de redes” onde a comunicación deixa de ser un atranco. Sen dúbida, isto supón o futuro do fogar dixital feito realidade.
-Cales credes que van ser os contidos que máis lles interesen ós galegos e galegas?
-Pensamos que o lecer e a seguridade serán os contidos en boa medida demandados polos usuarios. O concepto de televisión personalizada, onde o espectador decide o que quere ver e cando o quere ver, engade infinitas posibilidades de elección, xa que é posible ver un filme ou unha serie, acceder a Internet, intercambiar información con outros usuarios e todo iso do xeito máis rápido e sinxelo a través do televisor.
-Polo que podemos deducir, Arantia World pode ser un bo xeito de reducir o número de portas de acceso á era dixital. O número de portas e tamén o de aparellos e tecnoloxías diversas. Unides Rede e televisión e algunha que outra cousa máis nunha mesma cousa. Pode ser isto un bo xeito de facilitar o acceso á Sociedade do Coñecemento?
-A entrada no fogar significa a culminación da nosa estratexia como compañía para crear innovacións tecnolóxicas que sexan quen de liderar a converxencia da televisión dixital, Internet e o acceso a contidos baixo demanda e servizos interactivos. A palabra clave é sen dúbida, a converxencia, de maneira que coa incorporación desta plataforma nos fogares intégranse nun único dispositivo todos os elementos multimedia da vivenda, facilitando o rápido acceso de calquera usuario ás novas tecnoloxías e estendendo a todos os niveis a Sociedade do Coñecemento.

PUBLICIDADE