Apple renova os iPad Air e iPad Pro

martes, 7 de maio do 2024 Marcus Fernández

Tras un ano 2023 no que non se presentou ningún iPad, Apple organizou un evento en liña para presentar a renovación dos modelos iPad Air e iPad Pro, coa debida actualización de procesador, xunto con outras novidades que responden ás demandas dos usuarios e ás posibilidades da tecnoloxía, dando lugar ás tabletas máis potentes do mercado.
Pola súa banda, o iPad Air non se limite a incorporar un procesador M2 e a mudar a posición da súa cámara frontal (coa intención de que se use co dispositivo en horizontal), senón que tamén acompaña ao tradicional modelo con pantalla de 11 polgadas cun modelo de 13 polgadas, o que supón un importante cambio na liña de iPads, xa que quen queira unha tableta de grande tamaño non estará obrigado a facerse cun iPad Pro.
A nivel de conectividade incorpora Wi-Fi 6E e 5G, aínda que o modelo con conectividade móbil pasa a apostar decididamente pola tecnoloxía eSIM, carecendo de rañura para SIM física.
Estes novos iPad estarán dispoñibles dende o día 15 a un prezo que parte de 699 euros para o modelo de 11 polgadas e de 949 euros para o modelo de 13 polgadas, chegando o modelo máis completo até os 1.749 euros.

Novos iPad Pro con M4

As tabletas que si experimentan unha renovación substancial son os iPad Pro, que estrean os procesadores M4, que prometen unha eficiencia enerxética moi superior e un magnífico desempeño para funcións avanzadas de IA, e como novidade máis visible integran pantalla con tecnoloxía OLED (chamada Ultra Retina XDR por Apple) o que fai que esteamos ante a tableta máis delgada que Apple fixo nunca (o modelo con pantalla de 11 polgadas ten un grosor de 0,53 centímetros e o de 13 polgadas ten un grosor de 0,51 centímetros) así como tamén reducen o seu peso.
As novas pantallas OLED ofrecen grande brillo e contrate, así como cores moi ricas, asegurando Apple que estamos ante a pantalla máis avanzada do mundo, ofrecendo unha experiencia visual incomparable.
A incorporación dun procesador M4 non só supón un avance en potencia, senón que tamén dá un salto nas capacidades do Neural Engine, o que iPadOS aproveitará con Core ML, o que facilitará que as aplicacións poidan ofrecer avanzadas funcións de IA que funcionen en local, do que posiblemente escoitemos falar moito no evento de Apple para desenvolvedores que terá lugar no mes de xuño.
Como acontece na cámara frontal do iPad Air, o iPad Pro tamén aposta polo seu uso en formato horizontal, adaptándose así aos usuarios (que nos últimos anos pasaron a facer videoconferencias neste formato, propio de xuntanzas profesionais nas que os participantes están maioritariamente en equipos informáticos).
Os novos iPad Pro estarán dispoñibles a partir do día 15 a un prezo que parte dos 1.149/1.549 euros para os modelos con pantalla de 11/13 polgadas, co detalle de que quen desexe unha variante con pantalla con vidro nanotexturizado (que evita reflexos) terán que optar polos modelos con 1 ou 2 TB de capacidade e pagar un incremento de prezo de 130 euros, de xeito que para gozar dun iPad Pro con pantalla mate hai que pagar entre 2.059 e 2.889 euros.

Apple Pencil Pro

Outra novidade importante da renovación dos iPad é que ambos modelos novos incorporan compatibilidade co novo Apple Pencil Pro, lapis dixitalizador con novas interaccións, como detectar que se aperta para poder seleccionar distintas opcións sen ter que interromper o proceso creativo, ten un motor háptico que achega unha resposta táctil para unha experiencia de uso máis natural, o seu xiroscopio permite utilizar a rotación como un elemento máis na creación e tamén pode tirar proveito do punteiro flotante para previsualizar a orientación dunha ferramenta antes de facer un trazo.
Este novo lapis estará dispoñible a partir do día 15 a un prezo de 149 euros.

Software

As aplicacións de creación de Apple tamén se renovan en breve, de xeito que o vindeiro luns teremos a versión 2 de Logic Pro para iPad, con novos funcionalidades, aínda que a actualización máis rechamante é a correspondente ao novo Final Cut Pro para iPad, que chegará en poucas semanas, e que inclúe a función Multicam en Directo, convertendo o iPad nun estudio de produción portátil, permitindo ao usuario ver e controlar até 4 dispositivos iPhone ou iPad sen fíos.
A nova versión de Final Cut Pro tamén permite crear e abrir proxectos dende dispositivos de almacenamento externos, o que mellora considerablemente as posibilidades dos procesos de edición de vídeo.

Baixada de prezo

A meirande sorpresa da presentación de Apple foi que, o iPad básico, sen chegar a incorporar novidades, reduce o prezo do seu modelo de 64 GB de 579,70 a 429 euros, mentres que o modelo con 256 GB baixa de 779,70 a 599 euros, colocando esta gama nun rango de prezos máis razoable, aínda que iso podemos entender que responda á descatalogación do iPad de 9ª xeración, que era o que se movía neses prezos, po que pode entenderse como a desaparición da anterior linguaxe de deseño dos iPad, con grandes marcos superior e inferior.

Evento de presentación dos novos iPad

PUBLICIDADE