Apple Music bota a andar permitindo probar de balde o servizo durante 3 meses

martes, 30 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Esta tarde Apple estreou iOS 8.4, nova versión do seu sistema operativo que como principal novidade modificada a aplicación de reprodución musical dos dispositivos móbiles de Apple para integrarlle o novo servizo Apple Music, que tamén botou a andar hoxe inicialmente só para dispositivos de Apple ou equipos con última versión de iTunes, para chegar no outono tamén a Android.
Este novo servizo vén a ser un competidor de Spotify, pois permite o acceso a millóns de temas musicais de pagarmos unha cota mensual de 9,99 euros (existindo tamén unha cota familiar de 14,99 euros), e para animar a xente a catar esta nova plataforma musical é posible subscribirse ao mesmo sen pagar os 3 primeiros meses. Cómpre lembrar que neste caso o sistema configúrase para a renovación automática do servizo, sendo recomendable desactivar tal opción para poder tomar tal decisión dun xeito proactivo e non accidental.

A estrea de AC/DC no mundo do streaming musical coincidiu co lanzamento de Apple Music

O servizo non só conta cun completo catálogo musica que podemos escoitar en liña, senón que tamén inclúe as típicas opcións de reprodución fóra de liña, resultando un tanto confuso o detalle de que conta cunha funcionalidade semellante a iTunes Match (permite a integración na nube de Apple da música que teñamos pese a non estar incluída no catálogo de Apple Music.
Para potenciar o uso desta plataforma inclúese un sistema de recomendacións nas que boa parte da selección musical está elaborada por persoas (para o que o sistema realízanos unha especie de enquisa sobre os nosos gustos), o que é unha das grandes apostas de Apple xunto con Beats 1, unha radio musical en liña que tamén botou a andar esta tarde, e que suscita bastante interese (aínda que as súas primeiras horas deixan claro que se trata dunha emisora virtual orientada a un público norteamericano).
Para completar o servizo tamén está Connect, unha capa social que pretende axudar a comunicar aos artistas cos seus seareiros, aínda que non parece haber moita confianza en que esta funcionalidade vaia gozar de aceptación (especialmente polos fallos anteriores de Apple ao respecto).

Apple Music pregúntanos polos nosos gustos musicais para poder recomendarnos música que se adapte ás nosas preferencias
Partindo dun tema musical determinado tamén podemos iniciar emisoras de radio virtuais con música semellante doutros artistas
Cómpre lembrar que o período de proba de Apple Music é de balde durante 3 meses, pero activa a opción de renovación automática que convén cancelar para evitar sorpresas

PUBLICIDADE