Appentra anuncia o lanzamento oficial de Parallelware Analyzer 1.0

venres, 8 de outubro do 2021 S. P.

A empresa galega Appentra, impulsada por investigadores do Centro de Investigación TIC da UDC (o CITIC), anunciou este 7 de outubro o lanzamento oficial do Parallelware Analyzer 1.0, que sería, en palabras da firma, o primeiro analizador de código estático especializado en rendemento. É resultado de dous anos de intenso traballo e da colaboración de 200 early adopters que probaron a versión beta da ferramenta e brindaron comentarios para axudar a darlle forma.
Con esta tecnoloxía avanzada, Appentra quixo superar claramente as limitacións dos sistemas previos de análise de código fonte, que se viñan centrando unicametne (todas as xeracións anteriores de sistemas) en erros, na aplicación de estándares de codificación ou seguridade ou nunha combinación destes parámetros. “Estes, aínda que son importantes, non fan nada para garantir que o código sexa escrito para aproveitar as capacidades do hardware moderno”, indican dende a empresa galega, que salientan que “aproveitando o paralelismo que ofrecen os fabricantes de chips nos procesadores multinúcleo, ao utilizar Paralleware Analyzer proporcionamos unha velocidade computacional de aplicacións significativamente máis rápida, da orde de magnitude de 3x-4x”. Este panorama, apunta Appentra, brinda unha chea de beneficios para as aplicacións C / C ++ no ámbito da misión e o negocio das industrias críticas, como os sectores aeroespacial, da automoción, das telecomunicacións e dos semicondutores.
A ferramenta Parallelware Analyzer está deseñada para identificar información no código, obter informes detallados sobre os seus requisitos de computación e memoria e mesmo axudar a reescribir o código para introducir paralelizacións. “Pode facelo a través dunha interface gráfica de usuario nativa ou desde a liña de comandos, o que permite unha fácil integración con outras ferramentas como os sistemas CI/CD”, engaden dende Appentra salientando que coa axuda deste revolucionario sistema, podemos aumentar o rendemento do código: “Os benchmarks do demostrador de Appentra mostran como pode alcanzar facilmente até 9 veces a aceleración para algúns exemplos computacionais clásicos”.
Ademais, Paralleware Analyzer achega grandes resultados en códigos grandes como Gromacs (340K liñas de código en arquivos de 2.5K) e pode analizar con éxito o 99.6% dos seus arquivos, adicando unha media de 3 segundos por arquivo cunha taxa de erro tan baixa como 0.39 %.
A firma puxo na Rede unha versión de proba gratuíta de Parallelware Analyzer.


PUBLICIDADE