Android 6.0 chega aos dispositivos Nexus

luns, 5 de outubro do 2015 Marcus Fernández

A partires de hoxe, os usuarios de terminais Nexus a partires do Nexus 5 están a comezar a recibir a actualización a Android 6.0 Marshmallow e, os que non queiran agardar a que a actualización chegue automaticamente ao seu dispositivo, poden proceder á súa descarga e instalación manual a partires das súas imaxes de fábrica.
Entre as vantaxes que incorpora o novo Android está o Now on Tap (integración de Google Now dentro de cada aplicación), un control máis eficiente da batería (Doze detecta cando un dispositivo está en espera e colócao nun modo de aforro de enerxía), maior flexibilidade no control de permisos de aplicación (as aplicacións pedirán cada permiso de xeito independente a primeira vez que utilizamos a prestacións que o precise, en vez de pedir a nosa autorización cando a instalemos, o que fai que sexamos máis conscientes do que fai unha aplicación), recoñecemento de pegadas dixitais (os lectores de pegadas están agora soportados polo sistema operativo, permitindo así tanto o desbloqueo do terminal como a identificación en aplicacións e autorizacións de pagamentos) e novas opcións de instalación (agora non só será doado trasladar as nosas configuracións entre dous móbiles, senón que tamén poderemos facelo cunha tableta ou un Android TV).
Temos así o que algúns consideran que é unha versión pulida de Lollipop, versión de Android moito máis problemática do esperado, que levou a que varios fabricantes anunciasen que van actualizar os seus dispositivos con Android 4.4 directamente a Android 6.0.

PUBLICIDADE