Amplíase o prazo de axudas para levar a banda larga ultrarrápida ás empresas e autónomos máis afastados

mércores, 19 de abril do 2017 Redacción

Para quen non o saiba, aínda a estas alturas, existen recursos de apoio dos que podemos botar man para ter unha boa conexión á Rede aínda que vivamos e traballemos en zonas rurais afastadas, zonas próximas a seren cualificadas de “áreas de sombra dixital”. Estes recursos, dirixidos a empresas e autónomos, están a ser postos en xogo pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e consisten en axudas para dotar a quen traballe nas ditas contornas de banda larga ultrarrápida. O prazo para solicitar estes apoios xa debera estar pechado ou a piques de pecharse, pero a axencia que dirixe Mar Pereira vén de amplialo en tres semanas para abranguer a meirande cantidade de profesionais e empresas. Con esta modificación da convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, a axencia posibilita a presentación das solicitudes até o vindeiro 11 de maio.
O orzamento que se fai dispoñíbel ao abeiro destes apoios é de 500.000 euros, que se poderá ampliar ata un máximo de 1 millón de euros, en función da demanda. Segundo ten informado AMTEGA, as axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, até un máximo de 20.000€ por beneficiario (porén, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000 euros).
Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Os principais requirimentos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer a día de hoxe da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 Mbps e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano. Segundo explica AMTEGA nas bases, “para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo inversor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas”.
Esta actuación é a segunda liña de actividade do Plan de Banda Larga de Galicia 2020, que en xullo de 2016 puxo en marcha unha primeira folla de ruta para conectar 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contan con cobertura de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer deste servizo.
En 2016 completouse o despregue en 17 polígonos. En 2017 cubriranse outros 30 e en 2018 os 34 restantes. A previsión de AMTEGA é de que en 2018 un total de 130 polígonos, “nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada”, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs.

PUBLICIDADE