Amparo Alonso e Bertha Guijarro (CITIC) participan na fundación da Sociedad Española de Inteligencia Artificial en Biomedicina

xoves, 13 de abril do 2023 S. P.

JPEG - 73.9 KB
Amparo Alonso nunha imaxe de Xurxo Lobato

As investigadoras do Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña Amparo Alonso e Bertha Guijarro forman parte do equipo fundador da recentemente creada Sociedad Española de Inteligencia Artificial en Biomedicina (IABiomed). Trátase dunha entidade que ten como obxectivo “fomentar a investigación e o desenvolvemento da IA aplicada a biomedicina, un área onde as tecnoloxías intelixentes están a ter gran transcendencia”.

A entidade xorde ao abeiro da Red Temática sobre IA en Biomedicina creada en 2018, da que o grupo de investigación LIDIA da UDC, dirixido por Amparo Alonso e representado na rede por Bertha Guijarro, tamén formaba parte, e que foi o xerme desta colaboración científica estatal.

“A Intelixencia Artificial ten aplicacións cada vez máis amplas en biomedicina, incluíndo a investigación médica, o diagnóstico de doenzas, a medicina personalizada e a atención ao paciente. Por iso, parécenos moi relevante a creación desta sociedade, que é unha ferramenta de enorme potencial xa que fomenta a colaboración entre profesionais de diferentes áreas” sinalaron as investigadoras do CITIC e co-fundadoras da entidade.

JPEG - 121.3 KB
A invesigadora do CITIC da UDC, Bertha Guijarro

A entidade está integrada por 42 investigadores de 16 provincias españolas e busca a promoción da colaboración na actividade científica así como a investigación multidisciplinar na área de IA en biomedicina. Así mesmo, tamén quere promover actuacións que permitan xerar recursos de interese para a divulgación, a investigación e a formación neste ámbito. De feito, un dos obxectivos de IABiomed é establecer vínculos e sinerxías con empresas e organismos públicos e privados que se poidan beneficiar de maneira directa e indirecta das actividades e aplicacións da IA no eido da biomedicina.

Así mesmo, a Sociedade é consciente dos desafíos presentes e futuros aos que debe facer fronte no campo da biomedicina, polo tanto, os esforzos de IABiomed irán principalmente destinados a atopar solucións para eses retos, tales como o acceso aos datos de saúde con fines de investigación, a falla de tratamentos para enfermidades raras, os problemas derivados da resistencia aos antibióticos, novas pandemias ou a mellora dos procesos clínicos.

A información detallada desta redes pode consultarse na súa páxina web www.iabiomed.org.

PUBLICIDADE