Amosan en Vigo as posibilidades educativas da realidade aumentada a través da 5G

xoves, 4 de novembro do 2021 Redacción

Ana Vázquez e Felipe Gil, profesores da Universidade de Vigo; Martín Llamas, director de atlanTTic; Pablo Herrero, líder do proxecto en Capgemini Engineering; Manuel Ramos, vicerreitor da Universidade de Vigo; Encarnación Fernández, directora de Relacións Institucionais de Orange; Rebeca Díaz, directora da Escola de Telecomunicacións de Vigo; e Francisco Javier García Vieira, director de Servizos Dixitais de Red.es

O piloto 5G, desenvolvido por Orange en colaboración con Capgemini Engineering e atlanTTic da Universidade de Vigo, instalou nunha aula da Universidade unha cámara que grava en alta definición a mesma, e transmítese en tempo real aos diferentes alumnos que se conectan en remoto mediante un servidor instalado na aula, experiencia que hoxe puido verse nunha demostración realizada na Escola de Telecomunicacións.
Mediante a opción de realidade aumentada o profesor pode lanzar contidos (vídeo, 2D, 3D), que serán descargados por un casco HoloLens e un iPhone, e permite o acceso ao contido capturado polo smartphone (contorna real xunto aos contidos de realidade aumentada).
O servidor permite compartir a pantalla e a conexión a un centro onde están aloxados os contidos interactivos. O profesor, mediante a interface web (en PC ou en tableta), pode activar realidade aumentada na aplicación dos alumnos.
O obxectivo deste piloto é mellorar a experiencia a través do enriquecemento dos contidos e o uso de ferramentas audiovisuais para achegar unha maior de presenza na aula e interacción coa materia.
Dita experiencia enmárcase no Plan Nacional 5G, o programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G que executa a entidade pública empresarial Red.es, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).