Amigus introduce á rapazada na programación con Micro:Bit cun novo obradoiro o 27 de agosto

luns, 22 de agosto do 2022 S. P.

A Asociación Amigus vai organizar este 27 de agosto unha nova sesión dos seus Amigus Labs, un obradoiro de tecnoloxías abertas, participativas e creastivas centrado desta volta na programación con Micro:bit. Será no local de Amigus, no 14 da praza do Hospital das Pontes, en horario de 10.00 a 13.00 horas.
O obradoiro de programación con Micro:Bit é unha actividade para fomentar o interese e o achegamento dos nenos de maneira lúdica ao mundo da robótica e a programación, descubrindo a linguaxe en bloque, as matemáticas, a ciencia e a tecnoloxía “de forma divertida e colaborativa”, explica a asociación tecnolóxica das Pontes, engadindo que se tratad unha actividade dirixida a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 7 e os 12 anos.
Amigus tamén explica que no obradoiro porase o foco na tecnoloxía BBC micro: bit, unha pequena tarxeta electrónica programábel de 4×5 cm lanzada pola BBC británica no ano 2015 co obxectivo de que máis dun millón de nenos/as e mozos ingleses aprendesen a programar de xeito doado e lúdico. No ano 2016 a Fundación Educativa Micro: Bit asume este proxecto co propósito de promocionar a aprendizaxe da programación e a robótica entre os mozos a nivel mundial.
O curso é gratuíto, as inscricións formalizaranse por orde de rexistro, temos toda a información e inscrición na web de Amigus.

PUBLICIDADE