Amazon entre no negocio da compra-venda de videoxogos

venres, 6 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Amazon, a tenda en liña máis grande do mundo, consciente da conxuntura económica actual decidiu estrear Amazon Video Games Trade-In, unha nova sección na que permite aos seus usuarios norteamericanos cambiar os seus videoxogos usados por tarxetas-regalo para mercar en Amazon.com, entrando así no mercado da venda de xogos de segunda man que tanto éxito ten en moitas cadeas de tendas de todo o mundo.
O novo sistema permite buscar os xogos que os usuarios queiran vender, para comprobar a súa valoración económica, tras o que pode completarse a súa venda, e para fomentar esta plataforma en probas, dende Amazon anuncian que os participantes durante estas 2 primeiras semanas de servizo recibirán un desconto do 10% na compra de xogos ou accesorios na súa web.
Este novo lanzamento supón un duro golpe para GameStop, cadea de 6.100 tendas nos EE.UU. e noutros 17 países (entre os que está España), pois emerxe un duro competidor, e así o entendeu o mercado, que tras o anuncio de Amazon reaccionou cun descenso nas accións bolsistas de GameStop un 13%.
Na actualidade a venda de xogos usados é o 44% dos ingresos de GameStop, de aí que resulte moi preocupante que outras grandes empresas entren neste mercado tan utilizado polos xogadores máis activos, que teñen dificultades para adquirir xogos ao seu prezo de lanzamento, e recorren así á compra-venda para poder catar os títulos de máis éxito (o que en ocasións xa se pode facer aos poucos días da súa estrea).

PUBLICIDADE