Amazon abre a súa tenda sen caixas de pagamento

luns, 22 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Hai algo máis dun ano Amazon amosou ao público a súa tenda conceptual Amazon Go, na que os clientes puidesen facer a súa compra valéndose dunha aplicación no móbil e sen precisar pasar por caixa para pagar, xa que o establecemento conta con sensores que van rexistrando a compra que realizan os usuarios mentres percorren a tenda, e finalmente abren hoxe en Seattle como un pequeno supermercado de 167 metros cadrados nos que adquirir comida e bebida sen contar con liñas de caixa.
O feito de non ter que pasar os produtos un por un pola caixa antes de saír do establecemento axiliza moito o seu funcionamento, aínda que si haberá que autorizar o pagamento antes de saír a través duns dispositivos que poden lembrar aos tornos de estacións de metro.
Os sensores e cámaras repartidos pola tenda fan que cada vez que un cliente introduce un obxecto na súa bolsa da compra, este engádase á súa cesta da compra virtual, e aínda que non dan moitos detalles sobre como funciona esta tecnoloxía (que semella ser bastante complicada de enganar), estamos ante unha experiencia piloto que podería indicar cara onde poderían ir as tendas físicas no futuro.
Iso si, a ausencia de caixas de pagamento non quere dicir que o establecemento careza de traballadores de cara ao público, de xeito que hai empregados para axudar aos clientes en caso de problemas e tamén identifican en persoa aos consumidores que queren facerse con bebidas alcohólicas para evitar a súa compra por parte de menores.
Polo momento non hai novas de se Amazon abrirá máis tendas deste tipo ou se ofrecerá esta tecnoloxía a outras compañías.

PUBLICIDADE